Simón Rodríguez, escritor: “Sentía que só podía expresar a miña experiencia migratoria co galego”

LugoXa
O venezolano-lucense, coñecido en redes como Galego de Caracas, recibiu o premio O Facho pola súa ópera prima na que deixaron pegada a historia da súa familia e a súa propia como neofalante
Simón-autoria-Daniela-Blanco-Santos
Fotos de Daniela Blanco Santos
23 Xuño 2024

Lucía Blanco

Leva apenas cinco anos en Galicia, pero Simón Rodríguez é un deses mozos grazas ao que o futuro da lingua está asegurado. Este venezolano defendeu, dende o seu primeiro contacto coa nosa terra, que o galego “merece ser conservado, protexido e divulgalo”. O escritor encontrou no noso idioma o único xeito de expresar o seu proceso migratorio, co que logrou o seu primeiro recoñecemento como poeta, pois foi o ganador do concurso O Facho no 2023.

Rodríguez, coñecido en redes como Galego de Caracas, afincouse en Lugo tras obter unha Bolsa Excelencia Mocidade Exterior (BEME). “A pesar de que a miña familia por parte de pai era de orixe galega, non é que tivera moito contacto con ela, porque os meus avós morreran cando era moi cativo. Dende o primeiro momento tiña ese desexo de aprender todo e de integrarme, porque tamén viña coa idea de quedarme”, afirma.

Este filólogo e xestor cultural lembra como durante a súa infancia mantiñan pequenos costumes na súa casa, como facer o caldo, cos que conservaban a herdanza familiar. Achegarse cada vez máis á terra dos seus devanceiros fixo que nel crecera unha admiración pola comunidade. “Ao ir coñecendo Galiza e ver todo o que me ofrecía, funme namorando da cultura e agora téñolle un cariño grandísimo e por iso que tamén intento promover a súa cultura”. O idioma foi fundamental neste proceso. Nada máis chegar, Simón decatouse de que se quería moverse no eido das letras debía interiorizar a lingua.

“Ademais tiña esa conciencia do seu valor intrínseco. Prendeu en min esa idea de usala na miña carreira, na miña escrita e nos meus proxectos”. O obxectivo para este neofalante estaba claro: poderse expresar a través da poesía. “Era unha das cousas que máis me motivaba. Quería facelo mellor para chegar ao punto de escribir poesía, porque sentía que o que estaba acontecendo en min a nivel de identidade e experiencia migratoria tiña que expresalo en galego, permitíame chegar ata lugares do sentimento e ata experiencias que non era capaz de chegar con palabras do castelán”, sostén.

Identidade como neofalante

Precisamente, a súas vivencias como migrante, aínda que se considera privilexiado “con respecto a outros porque viñen aquí cunha bolsa de estudos, con algo de diñeiro e a posibilidades de estudar un mestrado” marcaron a súa traxectoria na escrita. “Tes que saír da súa zona de comodidade e valerte por ti meso e non contas coa rede de amizades e familiares que deixas aló, sempre pega a morriña”. Esta experiencia xunto coa historia da súa familia e a súa propia como neofalante deixaron pegada na súa ópera prima, A outra patria.

“Comecei escribindo uns poucos poemas en galego e dinme de conta que podía construír un libro explorando o que vivín como migrante e a miña identidade como galego, dese sentir do galego que vén de fora”. O recoñecemento da asociación O Facho, que leva máis de sesenta anos promovendo a literatura e premiando a escritores como Manuel Rivas ou Lois Pereiro, pillou por sorpresa a Rodríguez. “Nunca me esperara que o meu primeiro libro publicado e que me dese esa alegría fose nunha lingua que non é a miña materna. Iso tamén fai que sexa unha obra moi especial”.

Ademais do galardón, o poemario estalle regalando a este amante das letras grandes experiencias co público. “Achéganse persoas maiores que me din que a partir de que me coñeceron séntense máis orgullosas da lingua e que van a comezar a usala máis. Noutra presentación, por exemplo, coa lectura dun poema fixen chorar a unha rapaza que era migrante e sinto que o libro, máis aló do premio, sorprende moito á xente e chégalle”.

Aínda que o seu xénero por excelencia é a poesía, tamén explora a narrativa. “Pero non dou o salto, polo menos en galego, porque estou interesado nunha narrativa que se achega á linguaxe na rúa e fáltame esa naturalidade para poder recoller o falar do pobo e facer uns diálogos”. Non se pon límites, así que combina os seus proxectos de escritor cos de rapeiro. “As miñas enerxías na creación en galego céntranse tamén en facer temas de rap”. Ben sexa a través da música ou da literatura, Simón aposta por espallarse das nosas tradicións e por preservar a nosa riqueza cultural. Unha riqueza que está nas nosas mans conservar.

 

 

 

0.12405920028687