Simón Rodríguez presenta 'A outra patria' na Escola Oficial de Idiomas de Lugo

O poeta Simón Rodríguez presentará o seu libro A outra patria este martes 27 de xaneiro na biblioteca da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, nun acto que servirá tamén para conmemorar o segundo aniversario da publicación da obra. A escolla deste espazo ten un significado especial para o autor, xa que foi na EOI onde aprendeu galego, un proceso que resultou clave para o nacemento do libro.
Durante a presentación, Rodríguez recitará algúns dos poemas centrais dunha obra que afonda na súa experiencia migratoria e na construción da súa identidade cultural, textos polos que foi recoñecido co Premio Nacional de Poesía do Facho no ano 2023. O acto combinará a lectura poética cunha conversa arredor do proceso creativo e dos temas que atravesan o libro.
A presentación contará tamén coa colaboración de membros do Equipo de Dinamización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Lugo e coa participación do poeta Kerkus Rober, amigo do autor, co obxectivo de enriquecer o diálogo e profundar nos contidos da obra. O encontro terá lugar ás 18:00 horas na biblioteca da EOI de Lugo.