Simón Rodríguez presenta en Lugo 'A outra patria', Premio Nacional de Poesía O Facho
O mércores 8 de maio ás 19.00 horas terá lugar no Auditorio do Centro Cultural O Vello Cárcere a presentación de A outra patria, o primeiro libro de Simón Rodríguez. Este autor nado e criado en Venezuela, de devanceiros galegos, chegou a Lugo no ano 2019 para estudar o máster en Servizos Culturais do Campus Terra ao abeiro das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior.
Neste acto o escritor estará acompañado por Carme Silva Domínguez, profesora da Facultade de Humanidades da USC e directora do devandito mestrado. Simón Rodríguez, coñecido nas redes como @galegodecaracas, ficou na cidade da muralla, aprendeu o galego dende cero, e, a só catro anos da súa chegada a Galiza, gañou o seu primeiro certame literario en lingua galega.
O seu poemario acadou o Premio Nacional de Poesía “O Facho” 2023, investíndoo co prestixio dunha asociación que leva máis de sesenta anos promovendo a literatura en galego e premiando a escritores insignes como Manuel Rivas ou Lois Pereiro. Con esta obra que explora unha identidade en pleno proceso de mudanza e autodescubrimento desencadeado pola migración dende Venezuela a Galicia, Rodríguez comeza con pé firme a súa carreira como escritor en lingua galega, introducindo unha voz atípica no noso panorama literario pola mestura dos elementos culturais que conforman a súa herdanza.