Sindicatos piden que se investigue o despedimento dunha traballadora nunha empresa do Concello
A empresa GTT, que se encarga do servizo de xestión da recadación do Concello de Lugo, vén de despedir unha traballadora alegando unha baixada da actividade, tal e como anuncia a CIG, que afirma que este despedimento se produce porque a empresa subcontratou parte do servizo a outra compañía. Debido a isto, a CIG reclámalle ao Concello que revise se GTT cumpre co estabelecido nos pregos de condicións e actúe en consecuencia.
Hai que ter en conta que Gestión Tributaria Territorial, SA (GTT) obtivo a maior puntuación no apartado de Estrutura Organizativa no concurso, entre outras cuestións, por contar con dous axentes notificadores. GTT chegou a contar con tres persoas para este servizo, pero en xuño de 2020 despediu a un dos traballadores e o pasado 29 de setembro procedía a entregar a carta de despedimento a outra axente, alegando causas obxectivas.
"Polo tanto, neste intres a empresa non cumpre co requisitivo de ter un mínimo de 2 notificadores que marcan os pregos. Pero é que ademais, estes despedimentos prodúcense porque GTT subcontatou parte do servizo de notificacións en setembro de 2020 e agora utiliza esta diminución da actividade para xustificar a rescisión do contrato da traballadora", di.
A CIG considera moi grave que unha empresa que presta servizos para a administración pública actúe desta maneira, "ofertando o persoal necesario para obter a maior puntuación e despois externalizando o servizo noutra empresa cunhas condicións que non están reguladas no prego en canto ao convenio de aplicación, salarios e outras condicións laborais. É dicir, externaliza para precarizar as condicións do persoal mentres despide o persoal propio para así sacar o máximo beneficio do contrato".
Diante disto, a delegada da CIG dirixiuse por escrito á Concellaría de Economía e Recursos Humanos e aos departamentos de Tesoureiría e Contratación para que revisen a actuación da empresa, xa que non está a cumprir co requisito mínimo de axentes notificadores, e ademais porque non consta que realizara a obrigada comunicación ao Concello cando procedeu a subcontratar parte do traballo.