SoaSuarna celebra a súa primeira edición coa música emerxente galega como protagonista

O festival cultural terá lugar o sábado 16 de agosto en Navia de Suarna con concertos, DJ sets, obradoiros e actividades complementarias
promotoras-do-SoaSuarna-e-Diego
15 Aug 2025

O festival cultural SoaSuarna celebra este sábado, 16 de agosto, a súa primeira edición en Navia de Suarna, no corazón dos Ancares.

A cita contará con cinco dos nomes máis destacados da música emerxente galega, así como con actividades complementarias que redondearán unha xornada chea de cultura e lecer.

O cartel inclúe aos dous primeiros artistas confirmados, o dúo de hip-hop Diego Flâneur & ünder e o grupo de rock Jade4, aos que se suman Ulex, grupo compostelán de menos de 20 anos que mestura rock e ritmos de cumbia, e Abril, dúo que adapta melodías tradicionais galegas e ibéricas a sonoridades actuais. Migui Bouzó, cantautor vigués, pecha a programación de artistas en directo, con cancións que combinan intimidade e enerxía. Os DJ sets de Futuro Alcalde e DJ Deiros porán o remate musical á xornada.

O festival contará tamén cun xantar popular en colaboración coa comisión de festas de Navia de Suarna, sesión vermú, zona de acampada e un obradoiro de iniciación á danza tradicional a cargo da Asociación Deiquí.

A deputada de Cultura, Iria Castro, reuniuse coas organizadoras do festival, Uxía Castro e Ximena Torrón, e con Diego Gallego, un dos integrantes de Diego Flâneur &Under, que convidaron a achegarse a Navia para desfrutar da música e do ambiente festivo arredor do festival, que comezará ás 12.45 horas.

SoaSuarna naceu como proxecto universitario e busca reivindicar a cultura no rural, poñendo en valor o talento emerxente galego e as iniciativas locais que fomentan a comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.19228410720825