SoaSuarna: o festival que nace en Navia da man de dúas estudantes e co respaldo da Xunta

A iniciativa, que promove a música galega emerxente, celebrarase o 16 de agosto con artistas como Ulex, Abril ou Diego Flâneur e ünder
Presentación-SoaSuarna-Navia
6 Aug 2025

O Festival SoaSuarna, unha proposta musical impulsada polas estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña, Ximena Torrón e Lucía Castro, vén de ser presentado nun acto que contou co apoio institucional da Xunta de Galicia e forma parte do traballo de fin de grao das dúas promotoras.

SoaSuarna desenvolverase o sábado 16 de agosto en Navia de Suarna, e aposta pola promoción de novos valores da música galega a través de cinco concertos protagonizados por artistas emerxentes que experimentan con estilos como o folk de vangarda, o pop rock, os sons urbanos ou a electrónica. No cartel destacan nomes como Ulex, Migui Bouzó, Abril, Jade4, Diego Flâneur e ünder.

Ademais dos concertos principais, o festival ofrecerá actividades culturais complementarias nas xornadas previas, como obradoiros e actuacións en distintos formatos. O cartel do evento foi creado polo ilustrador lucense Miguel Anxo Macía.

Durante a presentación, Javier Arias salientou que o Goberno galego apoia esta iniciativa polo seu valor como ferramenta de descentralización cultural e dinamización económica na contorna dos Ancares. Subliñou tamén o seu potencial para atraer visitantes interesados no turismo sostible e cultural.

“Apostamos pola riqueza cultural de Navia de Suarna e apoiamos tanto propostas novas como outras xa consolidadas, desde compañías teatrais ata agrupacións de música tradicional ou certames literarios”, afirmou Arias, quen tamén felicitou ás promotoras por unir talento, creatividade e compromiso co medio rural neste proxecto.

⚙ Configurar cookies
0.45894002914429