Sobreseida a causa de presuntas adxudicacións ilícitas da Deputación a empresas dun directivo do Grupo Monbus

LugoXa
O Xulgado de Instrución número 2 de Lugo decretou o sobresemento provisional da causa sobre presuntas adxudicacións ilícitas realizadas no ámbito do Programa KM0 da Deputación Provincial de Lugo, con cargo a fondos propios e fondos FEDER, a empresas de transporte titularidade dun directivo do Grupo Monbus.
Pazo San Marcos Lugo
22 Dec 2022

O Xulgado de Instrución número 2 de Lugo decretou o sobresemento provisional da causa sobre presuntas adxudicacións ilícitas realizadas no ámbito do Programa KM0 da Deputación Provincial de Lugo, con cargo a fondos propios e fondos FEDER, a empresas de transporte titularidade dun directivo do Grupo Monbus. A maxistrada destaca no auto que, polo momento, aínda non é firme a resolución do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo que delimita o obxecto procesual da causa, pois está pendente de que a Audiencia Provincial resolva un recurso de apelación contra a inclusión ou exclusión de determinados feitos no obxecto do procedemento.

A formación do testemuño que motiva o procedemento, segundo indica a xuíza no auto, “presenta graves deficiencias” que impiden a súa eventual continuación. En todo caso, a maxistrada sinala que, tendo en conta a copia remitida ao xulgado que xustifica a formación da causa, “o que non aparece debidamente xustificada é a perpetración de delito ningún respecto da totalidade dos extremos remitidos”. Así, incide en que “non permite constatar indicio algún racional de criminalidade”, á vez que salienta que “non consta nos informes policiais de análises da documental incautada (únicas dilixencias practicadas, ademais das declaracións de testemuñas e investigados) ningún indicio relativo aos ingresos oficiais e declarados dos investigados, realizándose diversas análises patrimoniais que non permiten inferir indicio ningún racional de criminalidade fronte aos mesmos”.

“A pesar da sucesiva reiteración, en diversas resolucións xudiciais ao longo da instrución da causa, das supostas adxudicacións ilícitas e diversas irregularidades, o certo é que ningún indicio obxectivo de criminalidade puido constatarse”, recalca a titular do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo. Ademais, explica que, tal e como se sinalaba nun auto emitido en xuño de 2020 polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, “tales sospeitas non alcanzan a condición de indicios racionais de criminalidade, ningún indicio obxectivo concorre do intento de beneficiar na contratación ao directivo de Monbus como partícipe nas empresas adxudicatarias, nin do fraccionamento intencionado para eludir outras formas de contratación, nin da intervención dos investigados no procedemento de adxudicación con tal finalidade ou de que tales empresas se beneficiasen de ningún tipo de información privilexiada na concorrencia coas demais”.

A xuíza incide en que os informes policiais de patrimonio e análise da proba documental “non permiten inferir aquel xuízo indiciario despois de máis de nove anos de instrución, moitos deles baixo secreto sumarial”. Así, indica que, “a pesar do esforzo para tentar delimitar o obxecto procesual” da causa realizado polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo -sen prexuízo do que poida resolver a Audiencia Provincial-, “non existe un relato circunstanciado de feitos que permita ás defensas dos investigados tomar coñecemento cabal dos feitos que se lles imputan, pois se afirman ‘irregularidades’ e ‘ilicitudes’, ‘puntos escuros’ e/o ‘sospeitosos’, pero os mesmos non son suficientes para configurar un xuízo indiciario de responsabilidade criminal fronte aos investigados nin para reputar minimamente xustificada a perpetración de delito algún contra a Administración de Xustiza”. Por todo iso, decretou o sobresemento provisional da causa. Contra o auto cabe presentar recurso.

0.21090888977051