Socialistas de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito esixen a cobertura da praza de pediatría

Os grupos municipais socialistas de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei denuncian con contundencia a grave situación que atravesa a atención pediátrica nestes concellos tras a decisión da Xunta de Galicia de non repoñer a praza da especialista que atendía aos nenos e nenas da zona ata setembro de 2024. Os seus voceiros, Alba Sinde, Daniel Irimia e Carmen Acacio, amosan unidade nun "problema grave" que atravesa a súa comarca.
O problema arrincou coa baixa da pediatra que, ata ese momento, pasaba consulta en Castro de Rei dous días á semana, en Cospeito outros dous e en Outeiro de Rei un. Ante a falta de resposta por parte da Consellería de Sanidade, as familias destes tres municipios organizaron mobilizacións tanto nos seus concellos como en Lugo, esixindo a reposición inmediata da praza. Pediron unha reunión cos responsables sanitarios da área lucense, pero o único que obtiveron foi unha solución insuficiente e discriminatoria: un reparto improvisado dos días de consulta que relega a Castro de Rei e Cospeito a só unha mañá de atención pediátrica á semana, mentres que en Outeiro de Rei pasan consulta dúas mañás e unha tarde.
Ademais, a Xunta de Galicia derivou a Castro de Rei e Cospeito un médico de atención primaria cun curso de puericultura, "un profesional que, aínda que pode asesorar sobre coidados infantís e prevención de enfermidades, non pode substituír a atención dun pediatra", explican. Só Outeiro de Rei conta cun especialista unha tarde á semana. Este recorte supón un duro golpe para a infancia do rural, que queda sen unha atención estable, especializada e próxima ás familias.
Mocións aprobadas por unanimidade
Ante esta realidade, os tres grupos socialistas tomaron a iniciativa e levaron o problema aos plenos municipais. En Castro de Rei e Outeiro de Rei, as mocións esixindo a reposición da praza foron aprobadas por unanimidade, deixando claro que se trata dunha demanda unánime da veciñanza. Agora, este xoves, será a quenda de Cospeito, onde o PSOE levará ao pleno unha moción para reclamar o mesmo. "A pregunta agora é clara: vai o goberno municipal apoiar á súa xente ou seguirá dobrando o lombo ante a Xunta e o seu desmantelamento da sanidade pública?", pregúntanse.
"O pleno de Castro de Rei, celebrado o pasado venres, puxo de manifesto a actitude do alcalde ante esta situación. O grupo socialista preguntou pola situación pediátrica e a resposta do rexedor foi unha evasiva tras outra", explicaron.
"Desde o primeiro momento, os socialistas de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei estiveron ao lado das familias afectadas, din. Os tres voceiros participaron en todas as manifestacións organizadas polo colectivo veciñal, escoitando de primeira man as súas inquedanzas e acompañándoas nas súas reivindicacións. Os socialistas son conscientes de que a situación está a xerar moita preocupación entre as familias, "que se vén obrigadas a recorrer a servizos saturados, a desprazarse ou a acudir a urxencias ante calquera problema de saúde dos seus fillos e fillas".
O PSOE de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei ten claro que non vai parar ata que a Xunta de Galicia rectifique e repoña a praza de pediatría nos mesmos termos en que estaba antes da baixa da especialista. "As familias destes concellos non piden privilexios, piden un dereito básico: que os seus fillos e fillas poidan recibir unha atención pediátrica adecuada, estable e de garantías", engaden.
Os socialistas continuarán traballando conxuntamente e explorarán todas as vías posibles para que esta reivindicación sexa atendida. A Xunta de Galicia ten que deixar de poñer parches e afrontar o problema dunha vez por todas. O rural non pode seguir sufrindo recortes en servizos esenciais mentres os seus habitantes son tratados como cidadáns de segunda.