Solaina abre unha mostra de Jaime Remírez de Ganuza

LugoXa
A inauguración será este venres, 17 de xaneiro, ás 19.00 horas
solaina-fachada
14 Jan 2025

O vindeiro venres 17 de xaneiro ás 19.00 horas terá lugar na galería de arte Solaina a inauguración dunha nova mostra, (Corazón), con(suela), que el (mundo) (rueda) que se poderá visitar ata o vindeiro 1 de marzo.

Este é o título da exposición de Jaime Remírez de Ganuza en Solaina Galería, que condensa nunha polifonía de obras audiovisuais e fotográficas os extractos seleccionados da conversación cun territorio concreto, San Pedro Manrique, pobo da serra soriana. Mediante a experimentación con formatos e tempos, fotográficos e videartísticos, preséntanse unhas pezas que materializan as voces e sentires recolleitos tras dialogar cun territorio percibido algunhas veces como individuo e outras como colectivo, sempre sentinte, e atravesándoo polos propios afectos e vinculacións do artista co espazo.

O nome da exposición tómase das crípticas inscricións talladas sobre unha pedra situada na fachada da casa familiar, datada de 1676, que testemuña a subsistencia das voces do territorio a través do tempo, perpetrando as súas mensaxes mediante o folclore, a contorna e os seus habitantes, elenco que é tan autor das obras expostas como o artista que asina.

A exposición estará dispoñible desde o 17 de xaneiro ata o 1 de marzo.

Jaime Remírez de Ganuza (Pamplona, 1998) é un novo artista que centra a súa produción na fotografía e o videoarte, experimentando cos formatos e contidos documentados, tratando de implementar maneiras alternativas de producir e percibir as obras videográficas e as artes visuais.

Con todo, considera que a disciplina á que verdadeiramente se dedica é ao propio exercicio de mirar, independente do resultado obtido. Os seus métodos de creación parten de investigacións sobre temáticas socioculturais e políticas ás que se vincula desde o afecto, tratando de aplicar novas maneiras de observar, entendendo os territorios como corpos, como suxeitos con voz, historia e sentir propios, e percibindo, á súa vez, os corpos e suxeitos como territorios, expandindo así as posibilidades perceptibles do investigado e enriquecendo os procesos de produción e os resultados das súas obras.

0.15239906311035