Mellora a situación en Palas pero aparecen máis focos na zona sur e oeste da provincia
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais, que evolucionan de xeito diferente debido ao descenso das temperaturas e o aumento do vento.
Palas de Rei
Desactivada a Situación 2 que se declarara como medida preventiva no incendio forestal activo no concello lucense de Palas de Rei, parroquia de Ramil, ao desaparecer o risco para núcleos poboados. Este incendio iniciouse ás 13,13 h. de onte e rolda as 375 ha provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 12 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 4 avións e 3 helicópteros.
Folgoso do Courel
Segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal activo no municipio lucense de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que rolda as 2.500 hectáreas segundo as últimas estimacións. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume ao núcleo de Parada dos Montes. Este incendio permanece activo desde o xoves pasado. No seu control traballaron ata o momento 3 técnicos, 28 axentes, 40 brigadas, 28 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 7 avións e 9 helicópteros. Neste lume tamén despregou efectivos a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.
Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no outro incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse o xoves pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 6 técnicos, 21 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 avións e 3 helicópteros.
Así mesmo, segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo na parroquia de Seceda, tamén en Folgoso do Courel. Este lume iniciouse o venres pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 19 axentes, 29 brigadas, 14 motobombas, 6 avións e 6 helicópteros. Neste lume tamén participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Pobra do Brollón
Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde o xoves pasado e afecta unha superficie provisional de 700 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 3 técnicos, 30 axentes, 45 brigadas, 30 motobombas, 1 pa, 5 avións e 5 helicópteros.
Segue activo desde o xoves pasado outro incendio na Pobra do Brollón, tamén na parroquia de Saa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.
Cervantes
Activo desde as 20,28 h. de onte un lume no concello lucense de Cervantes, parroquia de Cereixedo, que supera as 20 hectáreas. Ata o momento téñense mobilizado para extinguilo 4 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas, 1 avión e 2 helicópteros.
Estabilizado ás 10,00 h. de hoxe o incendio forestal de Cervantes, parroquia de Donís, que rolda as 75 hectáreas provisionais. No lume -que se iniciou o xoves pasado- levan traballado ata o de agora 1 técnico, 6 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas e 1 helicóptero.
Quiroga
Permanece controlado desde as 22,25 h. do sábado o incendio que se orixinara o xoves pasado tamén en Quiroga, parroquia de Outeiro. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 18 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.
Segue controlado desde as 23,53 h. do sábado outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 15 hectáreas provisionais. Orixinouse o venres e ata o momento levan traballado nel 1 técnico, 10 axentes, 11 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.
Antas de Ulla
Segue controlado desde as 22,50 h. de onte o lume da localidade luguesa de Antas de Ulla, parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante, que se orixinou a pasada tarde e que rolda as 40 hectáreas provisionais. Na súa extinción levan traballado 4 axentes, 3 brigadas, 3 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.