Solicitan un estudo arqueolóxico completo para avanzar na ordenación do Carme

A Área de Urbanismo do Concello de Lugo solicitou formalmente á Xunta de Galicia a realización dun estudo arqueolóxico específico e completo no ámbito do PERI-6 do Barrio do Carme, unha das zonas de maior relevancia patrimonial da cidade.
O escrito, remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, subliña que este traballo é imprescindible para garantir a seguridade xurídica do proceso de reforma urbanística e para protexer, conservar e poñer en valor o importante patrimonio histórico existente na zona.
O documento lembra que o actual PXOM, aprobado pola Xunta en 2011, trasladou a ordenación detallada deste sector a un futuro Plan Especial. O Carme é un espazo singular situado nas inmediacións da Muralla Romana, atravesado polo Camiño de Santiago e pola Vía Romana XIX, con edificacións que, aínda que non están catalogadas, xa foron consideradas merecedoras de protección ao denegar a súa demolición. Ademais, varias escavacións realizadas nos últimos anos confirmaron a importancia histórica da área e a necesidade de completar a investigación arqueolóxica antes de definir novos desenvolvementos urbanísticos.
O Concello subliña que a modificación puntual do PXOM que se impulsa para establecer a ordenación definitiva do PERI-6 require a colaboración da Xunta, administración competente en materia de protección do patrimonio histórico, artístico e arqueolóxico en Galicia.
Entre as actuacións solicitadas destacan a continuidade das escavacións arqueolóxicas, a delimitación precisa do trazado do Camiño de Santiago e da Vía Romana XIX ao seu paso polo Carme, e a identificación dos inmobles que deben ser obxecto de catalogación pola súa relevancia cultural ou arquitectónica.
O Concello agarda agora a resposta oficial da Xunta para continuar coa tramitación da modificación do PXOM e avanzar nun proxecto que permitirá dar seguridade, claridade e futuro a un dos barrios con maior identidade histórica de Lugo.