Solidariedade coa natureza
Preto de 800 persoas de toda Galicia, todas voluntarios de diferentes colectivos, retiraron máis 13 toneladas de residuos dos cauces dentro da XIV Limpeza simultánea de ríos do Proxecto Ríos que se levou a cabo en medio cento de concellos galegos. Nalgúns caso, como en Vilalba, o colectivo ten pendente a recollida.
Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos os que se presentaron tiñan o mesmo obxectivo: coidar os ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.
O domingo 26 de setembro de 2021 realizouse a XIV Limpeza Simultánea de Ríos en 51 concellos de toda Galiza. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando ás 67 entidades. Houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos. Este ano fíxose a limpeza en 50 treitos de río e participaron 793 persoas, unha boa participación para os tempos que corren. Nalgún caso, aínda esta tarefa foi aprazada.
Na provincia de Lugo os participantes foron o Cercud de Baamonde no río Parga, Amigos do Miño no río do mesmo nome, concello de Foz no río Alemparte, Adega e a Uned de Lugo, Irmandade Naviega de Navia, a anpa do CEIP Insua Bermúdez e a Asociación EuroEume das Pontes.
Neste ano continúan a sumarse á iniciativa concellos, asociacións de pescadores, culturais, xuvenís, ecoloxistas… de moitos lugares de Galiza. Outros grupos levan participado nesta iniciativa dende o inicio, e ao longo destes trece anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos apadriñados por estas entidades, aínda que en 2020 volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles.
Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Apareceron rodas, baterías e motores de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, algún televisor e entullos. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc... As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia e tamén máscaras. É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os leitos e ribeiras.
No reconto, o cálculo é de que os residuos de tódolos concellos suman máis de 13 toneladas. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.
Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia, que depende da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Para esta actividade contan coa colaboración dos concellos de A Estrada, Allariz, Ares, Ames, Arzúa, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.