Solo Voces celebra 33 anos cun concerto de música antiga na Igrexa de San Pedro

O Grupo vocal Solo Voces protagonizará este sábado 22 de novembro un concerto na Igrexa de San Pedro (Praza da Soidade, Lugo) ás 19.30 horas, coincidindo coa festividade de Santa Cecilia e co 33º aniversario da formación lucense.
O programa incluirá un concerto de música antiga a cargo de AntiQvorum, grupo de Ferrol formado por 12 cantores en 2017 e especializado na interpretación de polifonía desde a Idade Media ata o ano 1750, ano do falecemento de J. S. Bach. AntiQvorum interpretará motetes e madrigais compostos durante o Renacemento e o Barroco, mentres que Solo Voces ofrecerá unha escolma de música profana e relixiosa desa mesma época, celebrando así máis de tres décadas de traxectoria.
Ao inicio do concerto, ambos grupos interpretarán o madrigal Olá, che bon eccho de Orlando di Lasso, e a peza final será unha interpretación conxunta do madrigal Ay, linda amiga. A iniciativa pretende achegar aos lucenses o repertorio dos anos dourados da polifonía e demostrar a vixencia desta música no mundo contemporáneo.