Somos Unidos por el Cáncer analiza a abordaxe integral do paciente oncohematolóxico en Lugo

A Asociación Somos Unidos por el Cáncer celebrou en Lugo unha mesa redonda centrada na oncohematoloxía baixo o título ‘Abordaxe integral no paciente oncohematolóxico’, unha iniciativa que reuniu profesionais do ámbito sanitario e representantes institucionais para afondar nos retos e necesidades das persoas afectadas por este tipo de patoloxías.
O encontro desenvolveuse nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e estivo moderado pola xornalista Marta Menán e reuniu ás doutoras Begoña Campos, Antía Iglesias, Jennifer Carreira e Diana Martínez, así como á enfermeira Rocío Sánchez, que abordaron desde diferentes perspectivas profesionais a atención integral ás persoas con enfermidades oncohematolóxicas.
Tamén contou coa participación do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que salientou o compromiso de colectivos como Somos Unidos por el Cáncer, aos que cualificou de pezas clave no acompañamento tanto das persoas doentes como do seu entorno máis próximo.
O deputado incidiu en que estas entidades ofrecen orientación, respaldo emocional e ferramentas nunha etapa vital especialmente delicada, complementando así a asistencia sanitaria e contribuíndo a elevar a calidade de vida dos pacientes. Ademais, subliñou que o seu traballo resulta determinante para impulsar a concienciación social arredor do cancro e, en particular, das doenzas oncohematolóxicas.