Son de Lugh: “O noso sinal de identidade é facer que a xente participe e cante con nós”

LugoXa
A agrupación de música tradicional ambientada no mundo castrexo cumpriu o seu décimo aniversario.
son_de_lugh
10 Mar 2024

A agrupación de música tradicional ambientada no mundo castrexo cumpriu o seu décimo aniversario. As cantigas e as pezas propias forman parte do repertorio do colectivo que consegue manter sempre a conexión co seu público: “O éxito é que montamos moi bo ambiente”, explica Miguel Carricoba, membro do grupo

Lucía Blanco

Dende Son de Lugh levan toda unha década apostando pola música tradicional e fano sen esquecerse dunha parte da nosa historia, concretamente das nosas raíces celtas. “O noso obxectivo inicial era tocar no Arde Lucus, xa no propio nome xogamos coas palabras de son, do verbo ser, por ser da cidade, pero á vez son de música e Lugh que era un deus celta, entón tamén significa a música dos deuses”, explica Miguel Carricoba, membro da agrupación.

Precisamente, a festa que revive o pasado romano e castrexo da localidade ten moito que ver coa súa orixe. “Ao comezo non había asociacións e o Concello comezou a organizar un concurso para que a xente se caracterizaba. Parte do grupo participou en  dúas edicións e gañou, aínda que finalmente o colectivo pechou”. Porén, moitos non quixeron perder o labor e fundaron Lugdunum, unha das primeiras asociacións de galaicos e predecesora da actual. “Antigamente tiñamos unha banda con tambores e saímos ás rúas así. Pero os grupos romanos empezaron a incorporar tambores e pensamos en facer algo máis relacionado coa época e decidimos aprender a tocar a gaita”.

Deste xeito, montaron unha escola de música tradicional aberta no 2011. “Animabamos a festa pero a nivel económico non nos daba máis diñeiro para a asociación, polo que pensamos en crear un grupo independente e naceu Son de Lugh”. Pouco a pouco, comezaron a participar en foliadas, en cantos de taberna e a preparar un repertorio como pasacalles. “O grupo foi medrando como ente musical, xa afastado do Arde Lucus, aínda que seguimos participando nel”. Actualmente suman 28 socios, aínda que tocan 21, e lograron reunir a varias xeracións, xa que as idades dos seus membros van desde os 21 ata os 70 anos.

Cantigas e pezas propias

En canto aos instrumentos, un grupo numeroso toca a gaita e teñen “pandeiretas, tamboriles, bombo e, a maiores, un acordeón que tamén nos acompaña”. Cando naceron como agrupación, eran xa todos maiores, “eu sempre digo de vellos gaiteiros, porque aprendemos a tocar a gaita de vellos”, comenta entre risas Miguel. “E fomos evolucionado das primeiras pezas que tocábamos, como a ‘Muiñeira de Lugo’ e pouco máis, agora xa tocamos outras máis elaboradas e compoñemos musicalmente” Como conta este gaiteiro, de profesión mestre, a autoría xa non se lles resiste.

“Empezamos coa música de aquí, con cantigas sinxelas, pero como participamos en cantos de taberna xa temos cantigas propias, collemos melodías e amañamos nós as letras”. Aínda que o que os diferenza é súa conexión co público. “Cando imos por aí sempre levamos cancioneiros para repartir entre a xente. Cando interpretamos as pezas que son nosas, facemos unha volta musical para que as coñezan, cantamos o retrouso e logo as estrofas. O éxito é que montamos moi bo ambiente”.  Non se definen coma uns grandes músicos e aseguran que tampouco contan cunhas voces profesionais, pero logran “animar e facer que participe o público con nós, ese é o noso sinal de identidade poder mobilizar a toda a praza, cantando e bailando”.

E conségueno a base de ensaio, compromiso que manteñen cada venres cando “tocamos primeiro as gaitas, logo a percusión e despois todos xuntos”, aínda que o traballo concéntrase entre maio e outubro porque son os meses que reúnen a maioría das súas actuacións. Como citas próximas no seu calendario atópanse os Cantos de Taberna en Rábade e tamén contemplan o Friulio en Friol ou a Feira Celta en Vilagarcía, entre outros. “Fomos a festas de recreación histórica en Cartaxena, Astorga ou Xinzo de Limia como asociación castrexa. Actualmente non somos só iso, pero non queremos perder ese rol de participar, caracterizarnos, tocar nos desfiles e animar pola rúa”.

0.080583095550537