Sonia Fernández presenta a súa candidatura socialista á Alcaldía das Nogais
Os socialistas do municipio celebraron este mércores un encontro no que o Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, asegurou que a candidata “é a mellor para darlle ás Nogais o Goberno que merece, que atenda a toda a veciñanza por igual, serio, responsable, eficaz, e que saque ó concello do parón, a desidia, a escuridade e o sectarismo” ó que está sometido.
“Vamos traballar para todos, xestionando os recursos públicos de modo igualitario e equitativo para que cheguen a todos os veciños e veciñas, e non sempre ós mesmos”. Este é o eixo en torno ó que xira o programa de goberno da candidata do PSdeG a alcaldesa das Nogais, Sonia Fernández Pérez, como manifestou no encontro socialista celebrado este sábado no centro sociocultural da localidade.
Un acto que contou coa participación do Secretario Xeral do partido na provincia, Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ademais do Voceiro socialista no Parlamento de Galicia, entre outros responsables orgánicos, alcaldes, candidatos, militantes, simpatizantes e veciños das Nogais e da comarca.
Os socialistas “temos a mellor candidata para darlle ás Nogais o Goberno que merece”, subliñou José Tomé, “unha persoa que coñece perfectamente a Administración, polo tanto, sabe como xestionar, comprometida, que sabe cales son as necesidades e as oportunidades do concello, e con capacidade para liderar un Goberno para todos os veciños e veciñas, que escoite e atenda a todos por igual, serio, responsable, eficaz, rigoroso, que resolva os problemas do día a día, pero tamén capaz de plantexar proxectos de futuro”, subliñou José Tomé.
O líder socialista destacou que Sonia Fernández e o seu equipo “demostrarán que hai outra forma de gobernar”, sacando ás Nogais do “parón, a desidia, a escuridade e o sectarismo” ó que está sometido polo actual Alcalde do PP.
Neste sentido, o Secretario Xeral do PSdeG na provincia incidiu na “gran diferencia” entre a maneira de gobernar dos socialistas e dos populares, poñendo como exemplo as pensións, “que co PP de Rajoy subían un 0,25% e co PSOE de Pedro Sánchez suben agora un 8,5%, o que nas Nogais supón de media 60€ máis ó mes, 845€ máis ó ano”.
Tamén aludiu á “aposta polos servizos públicos, a equidade e a transparencia” dos socialistas na Deputación, grazas á que “destinamos neste mandato un millón de euros de investimentos ás Nogais”, que serviron para mellorar traídas de auga, instalacións deportivas, acondicionar accesos, camiños e estradas e manter o Servizo de Axuda no Fogar, entre outras actuacións.
As prioridades
A candidata socialista, veciña de Doncos e que traballou durante anos no Concello das Nogais, explicou que as súas prioridades a partir do 28 de maio son “dotar a cada parroquia dos servizos básicos, baixar o IBI ó mínimo, atender o benestar das persoas maiores, e mellorar a xestión municipal e a atención cidadá que se ofrece desde o Concello”.
“Hai moitísimas carencias que queremos resolver”, sinalou a socialista. “Hai camiños e accesos a núcleos polos que non se pasa, hai casas sen abastecemento de auga e outras que están pagando por un servizo de lixo e non teñen tan sequera un contedor”, enumerou Fernández.
A alcaldable do PSdeG quere tamén baixar a contribución do IBI ó mínimo, “tanto na rústica como na urbana”, e poñer no centro o benestar das persoas maiores. “A creación dun Centro de Día totalmente equipado, coas mellores condicións e persoal cualificado que garanta a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas é unha necesidade”, sinalou Sonia Fernández, quen lamenta que “agora mesmo temos dúas Casas do Maior, pero as persoas están aí sen facer actividade ningunha, aparcados coma peluches. Iso non é o que queremos para a nosa xente”.
Outra das prioridades de Fernández a partir do 28M nas Nogais é mellorar a xestión municipal e a atención cidadá que se ofrece desde o Concello. “Non hai auxiliar administrativo e a xente ten que ir ó Rexistro a Becerreá porque aquí dinlles que a aplicación está ‘caída’ todo o tempo. Esa non é maneira de funcionar”, asegura a socialista.
Candidatura do PSdeG das Nogais ás eleccións municipais
1. Sonia Fernández Pérez
2. Ismael Carcedo Gómez
3. Raquel Mora Menéndez
4. Manuel Gago Aira
5. Alfonso Souto Marcos
6. Álvaro Santín Souto
7. Magín Martínez Simón
Suplentes: Natalia Saavedra Santín; Manuel López Díaz; Manuel Fernández Souto; e Valentín Carballo Freijo.