Sonia Fernández será a candidata socialista á Alcaldía das Nogais

LugoXa
Sonia Fernández será a candidata do Partido Socialista á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de maio
sonia fernandez perez candidata psoe as nogais
31 Mar 2023

Sonia Fernández Pérez, veciña da parroquia de Doncos, será a candidata socialista á Alcaldía das Nogais. Así o decidiu a Agrupación Socialista do municipio nunha xuntanza, na que tamén se aprobou a lista electoral, na que se inclúen novas incorporacións, así como militantes con experiencia, de cara ás vindeiras eleccións do 28 de maio.

O secretario Xeral do PSdeG na provincia subliñou “o compromiso de Sonia Fernández, que decidiu, non só participar por primeira vez nunha convocatoria electoral, senón facelo liderando o proxecto do PSdeG nas Nogais, o que marca un novo impulso para loitar pola Alcaldía, e tamén para o socialismo da Montaña”.

José Tomé destacou que a candidata “é un boa coñecedora da realidade social das Nogais e das súas parroquias, xa que traballou durante anos no Concello. Polo tanto, sabe de primeira man cales son as carencias máis urxentes do pobo, así como os proxectos con viabilidade de futuro. En definitiva, as iniciativas que marquen un novo ciclo político na Montaña, con políticas progresistas e prioritarias para toda a veciñanza das Nogais, e sen discriminacións”, asegurou.

Sonia Fernández Pérez agradeceu o apoio de tódolos compañeiros e compañeiras da Agrupación Socialista das Nogais. “Para min, como muller nai e traballadora, é un auténtico privilexio encabezar esta lista que está chea de veciños cun único obxectivo, que é o de traballar pola xente das Nogais, e non estar por enriba de ninguén. Eu quería dar un paso á fronte, e sabía que tiña que ser no PSdeG”.

A candidata socialista avanzou que xa está traballando co seu equipo no programa electoral. “Un proxecto no que vamos incluír medidas que revertan directamente na economía da veciñanza, como por exemplo coa rebaixa do catastrazo. A subida abusiva do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que aprobou o PP en solitario foi un auténtico mazazo para as familias das Nogais. Por iso queremos reverter esta decisión. O mesmo sucede coa subida da auga, que se incrementou nun 50% neste último mandato. Estas son as políticas do PP, subir impostos e recortar servizos públicos, e despois queren que vivamos no rural”,criticou.

“O Concello ten que convertese nun espazo aberto a toda a veciñanza” “O Concello non pode ser só nunha oficina recadatoria, ten que ser un espazo aberto á toda a veciñanza, e non só para os afíns politicamente. Hai que xestionar o Concello con responsabilidade, sen despilfarrar e incrementando as dotacións e os recursos públicos nas parroquias, e tamén xestionado investimentos nas diferentes administracións, como xa fan outros concellos”, dixo a candidata.

0.20546102523804