Sonia Villapol será a pregoeira de San Froilán e Melania Cruz a oferente

LugoXa
Maite Ferreiro preside unha nova xuntanza da Comisión de festas, que acordou revisar os prezos das casetas do polbo, vixentes desde o ano 2018, fixando a ración de polbo en 14€ e a ración de cachelos a 2€.
reunion comision de festas san froilan
4 sep 2023

Maite Ferreiro preside unha nova xuntanza da Comisión de festas, que acordou revisar os prezos das casetas do polbo, vixentes desde o ano 2018, fixando a ración de polbo en 14€ e a ración de cachelos a 2€.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Comisión de Festas, onde o conxunto da Corporación Municipal valorou os avances realizados de cara á organización do San Froilán 2023.

Maite Ferreiro anunciou que a comisión de festas aprobou por unanimidade que a investigadora Sonia Villapol sexa a pregoeira desta edición das festas, mentres que a actriz Melania Cruz será a oferente a Rosalía.

A Comisión de Festas, composta por 2 representantes do grupo municipal do BNG, 3 do grupo municipal do PSOE e 4 do PP aprobou por unanimidade a revisión dos prezos das casetas do polbo, que levaban conxelados desde o ano 2018.

Maite Ferreiro explicou que “atendemos á solicitude das e dos hostaleiros mantendo uns prezos asequibles nas casetas do polbo, un símbolo das festas do San Froilán”. Os 3 grupos da corporación acordaron que a ración de polbo (250g) pase de 12 a 14€, mentres que a de cachelos subirá de 1,50 a 2€. A ración de pan manterase a 1,50€, e a botella de viño, a 6€.

A área de Cultura continúa co procedemento de licitación da caseta número 2, cuxo prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro mércores. Continúa tamén en proceso de contratación a producción e o equipamento dos distintos escenarios e espazos das festas, cun orzamento base de 234.679,50€ para os escenarios da praza Horta do Seminario, praza de Santa María, Seminario Menor e praza da Mosqueira, xunto coas carpas precisas para os distintos espazos.

Sonia Villapol é investigadora e profesora no Center for Neuroregeneration no Houston Methodist Hospital Research. Formouse na Universidade de Santiago de Compostela e na Universitat Autònoma de Barcelona. Foi investigadora do CNRS e do INSERM en París e no NIH e na universidade de Georgetown. Investiga os danos cerebrais e as enfermidades neurodexenerativas, e conta con máis de 70 artigos publicados. Forma parte do grupo de investigación internacional da covid-19, analizando como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso e os seus efectos a longo prazo. No 2023 publicou o seu primeiro libro de divulgación científica, Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia, un percorrido polos descubrimentos da covid e cuestións como as vacinas, a covid persistente, o impacto emocional da pandemia ou as súas consecuencias na saúde mental.

A actriz Melania Cruz conta cunha importante traxectoria en cinema, televisión e teatro. Comezou a súa carreira no teatro afeccionado, antes de obter o título en ensinanza superior pola Escola Superior de Arte Dramática de Galiza, e adícase profesionalmente á interpretación desde o ano 2009, formando parte de diversas compañías teatrais ata que se adentrou no cinema e na televisión. Conta con dous premios Mestre Mateo (3 nomeamentos), 1 premio María Casares (4 nomeamentos), o Premio Cinema Galego do Festival Internacional de Cine de Bueu no 2020 ou o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas do 2022.

PARTIDO POPULAR

O PP manifestou a súa satisfacción polo compromiso adquirido hoxe polo bipartito de incluir no programa do San Froilán algunhas das súas achegas

Javier Vázquez recalcou que “o feito de que hoxe nos comunicasen que aceptan algunhas das nosas suxestións para incorporar ao programa non varía o plantexamento que temos no Grupo Municipal do PP de que “este non é o noso San Froilán”.

“Queremos ser prudentes e agardar a que se confirme, na próxima xuntanza do 21 de setembro, que se materiralicen os compromisos adquiridos hoxe e que este cambio de estratexia do bipartito non sexa outra cortiña de fume para aparentar que a participación na Comisión de Festas é real”.

Os populares están preocupados porque “a un mes das patroais non está pechado o programa e apenas hai tempo para deseñar un programa acorde a un dos eventos máis senlleiros da nosa cidade”.

Os populares tamén puxeron de manifesto irregularidades na contratación por parte do bipartito en cuestións como a maquetación, edición e impresión de programas das festas xa que se “prorrogou o contrato á empresa fóra de prazo”.

0.16818809509277