Sopa Verde, do colexio de Albeiros, gaña a décima edición dos premios Nós tamén creamos!
O colexio CEIP Albeiros gaña a décima edición do concurso de curta de animación Nós tamén creamos co seu proxecto Sopa verde. Esta curta realizada polo alumnos de infantil pódese visualizar aquí é foi creada a partir dun álbum ilustrado de Ángela Madeira con ilustracións de Till Charlier. Amósanos a historia dun coelliño ao que só lle gustaba o verde e rexeitaba os alimentos doutras fermosas cores, ata que o moucho resolve o problema facendo unha sopa moi gorentosa. Un filme en animación 2D co que a cativada se divirte aprendendo hábitos alimentarios, os nomes dos animais e das plantas, os sabores, as cores e os números.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron no Pazo de San Roque na entrega dos X Premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración coa CRTVG e OQO editora.
Valentín García felicitou “a todos os nenos e nenas participantes e ao seu profesorado pola gran calidade e resultado dos seus proxectos e o nivel de implicación nunha actividade xerada para impulsar o seu perfil máis creativo desde o audiovisual e a través
do uso da nosa lingua”.
No acto tamén interviñeron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a xefa de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, Marta Fernández, e o responsable da área audiovisual de OQO editora, Borja Guerrero. Ao encontro asistiron 55 alumnos dos centros gañadores e 10 docentes e acompañantes, ás que se sumaron as coordinadoras territoriais dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega. Ao remate, o músico infantil Paco Nogueiras ofreceu un concerto para todas as persoas asistentes.