Special Olympics arranca en Lugo unha nova Peregrinación Xacobea

LugoXa
A Deputación de Lugo participa nas peregrinacións xacobeas que organiza Special Olympics Galicia esta semana
Camiño Special Olympics
27 Xuño 2022

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou hoxe na saída dende Lugo das asociacións lucenses que participan na Peregrinación Xacobea de Special Olympics Galicia. Un acto que acolleu a Praza Maior de Lugo e no que tamén estivo presente a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e concelleiros e concelleiras da cidade, entre outras autoridades.

Pablo Rivera subliñou que a Deputación de Lugo, dentro do seu firme compromiso coas políticas sociais, colabora con esta organización de persoas con discapacidade intelectual cunha achega de 8.000€ para facilitar que desenvolvan o seu labor “con iniciativas tan positivas coma esta, na que os participantes compartirán os valores do Camiño de Santiago, como son o esforzo, a constancia, a vontade de superación, o compañeirismo e o respecto aos demais”.

Este é un evento que se desenvolve esta semana e que rematará o vindeiro 3 de xullo cunha xornada de convivencia que partirá do Monte do Gozo.

Esta peregrinación vén repetíndose dende o Xacobeo de 1992 coa fin de visibilizar a discapacidade intelectual, así como as familias, profesionais e voluntarios vinculados co movemento asociativo.

0.20066499710083