Special Olympics avanzan no Camiño co treito Palas - Melide
Continúan as rutas polo Camiño de Santiago que organiza Special Olympics. Hoxe arrancaban etapa en Palas de Rei, onde o seu alcalde, Pablo Taboada, e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recibían aos participantes neste treito ata Melide.
En total, en torno a medio milleiro de persoas con diversidade funcional intelectual, acompañadas polos seu monitores, realizan durante esta semana percorridos polos distintos camiños de Santiago.
Obras no Camiño
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, aproveitou a viaxe para comprobar os traballos realizados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na parroquia de San Xiao do Camiño, no municipio de Palas de Rei. Trátase dunha nova obra do programa de melloras que realiza o Goberno no Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, ao que destina un investimento total de case 3 millóns de euros.
Isabel Rodríguez destacou que “con estas actuacións, o Goberno implícase na revitalización do Camiño de Santiago”. Explicou que “estas obras contribuíron a dignificar e poñer en valor as edificacións tradicionais do núcleo, que é lugar de paso dos peregrinos que fan o Camiño Francés”. Para a subdelegada “é unha satisfacción comprobar o resultado dos traballos realizados”, nos que o Ministerio investiu 323.525 euros, dos que case 300.000 destináronse á execución das obras e o resto á redacción do proxecto.