Substituídas as tubaxes existentes por outras de fundición na rúa Marqués de Ombreiro de Lugo
Remataron as obras de substitución do fibrocemento que o executivo municipal lucense puxo en marcha na avenida Marqués de Ombreiro cun investimento de 87.719 euros. Esta actuación permitiu renovar un total de 35 acometidas na marxe dereita da vía, substituíndo as tubaxes existentes por outras de fundición, máis resistentes e duradeiras.
A rexedora lucense explicou que “a través desta actuación modernizamos o servizo, mellorando a calidade da subministración, ao tempo que apostamos por infraestruturas máis sostibles e eficientes, en consonancia coa transformación que estamos a impulsar no municipio, para acadar unha cidade máis agradable e cómoda para os cidadáns”.
A intervención enmárcase dentro do plan municipal que o executivo de Lara Méndez está a desenvolver para erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade. Un obxectivo para o que a área de Medio Ambiente consignou 1’2 millóns de euros e que suporá a actuación sobre 250 acometidas e 4.080 metros de tubaxes en 14 rúas da cidade concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda.
Os traballos inclúen, ademais da substitución das canalizacións, a renovación completa das beirarrúas, que suman 6.550 metros de pavimento, actuando, de forma integral, sobre estas vías.
Actualmente, ademais de en Marqués de Ombreiro, xa remataron os traballos na rúa Rei don García, nas rúas Bataneira e Figueira, e na rúa Escultor Asorei; e atópanse avanzadas nas rúas Armórica, Aviación Española e no Barrio da Cheda, que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.