Supervisan a montaxe das carrozas que percorrerán a cidade na Cabalgata
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto co Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, supervisaron a montaxe das carrozas nas que viaxaran por Lugo as súas maxestades os reis de oriente o día 5 xaneiro na cabalgata de Reis. Serán 4 as carrozas, e despois da súa chegada á cidade engalanaranse e prepararanse para que participen na Cabalgata que este ano será acompañada por música e 12 espectáculos que farán vibrar a todas as persoas presentes.
Ferreiro explicou que "presentamos un novo espectáculo para que as nenas e nenos de Lugo poidan recibir aos Magos cunha gran cabalgata que contará con música e espectáculos novidosos e de calidade". A Cabalgata, titulada Fermoso Planeta, percorrerá as rúas de Lugo o vindeiro 5 de decembro a partir das 18:00, saíndo desde o Parque da Milagrosa e coa previsión de chegar ao Concello ás 20:00. O percorrido contará con 4 carrozas e 12 espectáculos chegados a Lugo desde distintas partes do mundo. "A temática da cabalgata deste 2024 é a ecoloxía, a conservación do medioambiente, a importancia de manter a biodiversidade e loitar contra o cambio climático", explicou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro. Melchor, Gaspar e Baltasar, xunto cos seus paxes, reúnense cos animais de todo o mundo para convidar a reflexionar e pasalo ben. "A cabalgata do 2024 é unha festa, unha celebración das marabillas do mundo, de todo canto nos ofrece o planeta, un agasallo para os ollos e os sentidos", afirmou Ferreiro
Durante o desfile polas rúas de Lugo repartiranse 2.000 quilos de caramelos, e as nenas e nenos que saúden aos Magos de Oriente no Concello recollerán un dos 3.000 cornetes de lambetadas, que levarán tamén un pequeno xoguete como recordo da chegada dos Magos a Lugo.