Supervisan a montaxe do Caudal Fest
O Caudal Fest inicia a conta atrás para a celebración da súa quinta edición, a máis multitudinaria ata a data, coa previsión de acoller a máis de 35.000 persoas durante este venres e sábado. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, supervisou este mércores os labores de montaxe do recinto que albergará #AÚltimaGranFestaDoVerán.
A rexedora coñeceu in situ como evoluciona a instalación das diferentes áreas nas que se dividirá o festival, que nesta edición contará con dous escenarios. Deste xeito, haberá música ininterrumpida dende as 17:00 ata as 03:00 horas da madrugada. Outra das novidades será o regreso da zona de descanso, que xa estivo operativa en 2018 e 2019, e que contará con máis de 1.000 prazas “nunha contorna natural inmellorable”, lembrou a alcaldesa.
Méndez destacou o reforzo do operativo de seguridade que se intensificará con respecto a outras edicións pola maior expectativa de asistentes, así como a instalación dun punto violeta, co obxectivo de previr calquera tipo de agresión sexual que poida darse no espazo público. “Este punto estará atendido por unha avogada e unha traballadora social, acompañadas dun equipo de voluntarias”, explicou a rexedora, quen subliñou que “o obxectivo é prestar un servizo de atención e sensibilización, así como informar en materia de igualdade á cidadanía en xeral”.
Na visita ao recinto participaron tamén o director do festival, Iván Méndez; o concelleiro e deputado provincial, Miguel Fernández; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. A cita, que se celebrará este venres 15 e sábado 16 á beira do Miño, conta co patrocinio principal do Concello de Lugo e atópase consolidada como un referente no panorama musical español. O Caudal Fest foi unha aposta da alcaldesa no 2018 para integrar a Lugo nunha rede de festivais nacionais que atraen a un turismo de alto impacto económico.
Así mesmo, buscábase crear na cidade unha terceira gran cita en Lugo, xunto co San Froilán e o Arde Lucus. “O obxectivo acadouse xa o primeiro ano, onde tivemos un 100% de ocupación hostaleira non só en Lugo senón en concellos limítrofes, e o impacto económico (especialmente comercio, bares, restuarantes e mobilidade) foi superior aos 3 millóns de euros”, lembrou a rexedora.
Aproximadamente, o 40% dos asistentes proceden de fóra de Galicia. Só na primeira edición a cita atraeu á cidade a unhas 22.000 persoas, e este ano o Caudal aspira a bater o seu récord. “Un dos grandes atractivos do festival tamén é que se organiza na contorna do Miño, unha zona de gran valor natural e paisaxístico que estamos a potenciar a través de diferentes actuacións enmarcadas na estratexia DUSI Muramiñae, co obxectivo de achegar a trama urbana da cidade ao río”, explicou Méndez.
Programación variada e de calidade
O Caudal Fest 2023 contará cun total de 20 bandas e artistas entre os que destacan grupos de ámbito nacional e internacional. Na primeira das xornadas, actuarán Vetusta Morla, como cabezas de cartel; ademais de Dani Fernández, recentemente galardoado como ‘Mellor Artista Masculino’; o grupo madrileño definido como unha das primeiras sementes do indie rock pop nacional, Miss Cafeína, e La La Love You, unha das bandas novas en auxe dos últimos anos con centos de miles de fans en toda España. A este cartel súmanse Belén Aguilera e Serial Killerz, así como os coruñeses Escuchando Elefantes e Javi Chapela.
Leiva encabezará a xornada do sábado, na que tamén actuarán os cataláns Sidonie, clásicos do indie pop rock español cunha listaxe de grandes éxitos; Ojete Calor, coas súas letras cheas de humor; Yeico x Toni, un dos fenómenos musicais do ano entre as xeracións máis novas, así como: Natalia Lacunza, Veintiuno, Jaguayano e Eva McBel, aos que acompañarán os lucenses Berta Franklin e The Galician Army.
A Deputación apoia con 50.000€ o Caudal Fest
A Deputación de Lugo apoia cunha achega económica de 50.000€ a celebración do Caudal Fest. O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, visitou este mércores o recinto para supervisar xunto á alcaldesa, Lara Méndez López, e os organizadores, as tarefas de montaxe do festival, que se celebrará este venres e sábado na capital da provincia.
Miguel Fernández enmarcou esta nova aportación da institución provincial para celebrar o evento, consolidado como unha das grandes citas musicais do panorama galego e nacional, na súa aposta por un modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias e cunha oferta altamente diversificada para atraer visitantes ao longo de todo o ano. “Un turismo que actúa como elemento dinamizador das economías locais, que favorece o equilibrio territorial e que aproveita todos os recursos e atractivos que temos na provincia”, subliñou o Deputado.
O deputado recoñeceu o traballo e a implicación da Alcaldesa de Lugo para a posta en marcha e consolidación deste festival, “que se integra no conxunto da ampla oferta cultural, turística e de lecer do Concello de Lugo. Unha oferta rica e diversa, que é unha peza máis dentro do modelo de cidade verde e sostible que defende e que promove a alcaldesa”.