Supervisan en Rábade as obras do antigo Cine Man

TerraChaXa | LugoXa
“Rábade é un claro exemplo de como o Goberno apoia proxectos que están a permitir transformar a vida no medio rural, impulsando actuacións sostibles e recuperando equipamentos públicos para os cidadáns” afirmou a subdelegada.
21 Dec 2022

“Rábade é un claro exemplo de como o Goberno apoia proxectos que están a permitir transformar a vida no medio rural, impulsando actuacións sostibles e recuperando equipamentos públicos para os cidadáns” afirmou a subdelegada.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, subliñou que os fondos do Plan de Recuperación do Goberno “están a chegar aos concellos da provincia e á cidadanía” e puxo a Rábade como exemplo do impacto deste Plan na modernización de servizos públicos e na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.

Isabel Rodríguez visitou o antigo Cine man, acompañada do alcalde, Francisco Xosé Fernández, e do tenente de alcalde, Alejandro Martínez, tras recibir o Concello unha subvención de 412.000 euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para levar a cabo a rehabilitación integral deste edificio e convertelo nun novo centro sociocultural para o municipio. Esta subvención forma parte do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep local), incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), que xestiona o MITMA.

“Rábade é un claro exemplo de como o Goberno apoia proxectos que están a permitir transformar a vida no medio rural, impulsando actuacións sostibles e recuperando equipamentos públicos para os cidadáns que xerarán novas oportunidades a sectores económicos” afirmou a subdelegada que tamén reivindicou o papel sentimental destas actuacións, “pois é un edificio emblemático, moi vinculado á historia de Rábade, que albergou o cine da localidade e máis tarde o salón de baile, con numerosos recordos e vivencias para a súa veciñanza, e grazas a estas obras o imos encher, de novo, de vida”.

O edificio, construído no ano 1965, está situado ao carón da Casa do Concello e actualmente presenta importantes deficiencias debido ao desuso durante máis de 25 anos. O Concello de Rábade xa acometeu, nunha primeira fase, melloras neste edificio e, agora, con estes traballos financiados polo Executivo Central o municipio contará cun novo centro sociocultural onde se exhibirán películas, realizaranse obras de teatro, concertos musicais, conferencias e outras actividades lúdico culturais. “É fundamental que os e as rabadenses dispoñan de instalacións de calidade para desenvolver moitos aspectos do seu ocio e a súa vida cultural na vila”, engadiu a subdelegada que puxo en valor este tipo de iniciativas que axudan a fixar poboación no rural.

Nesta liña, Isabel Rodríguez destacou a dimensión social do programa do Mitma e a súa contribución ao reforzo e mellora dos servizos públicos, xa que o 60% dos edificios para rehabilitar con axuda dos fondos europeos destínanse a uso cultural, educativo ou deportivo.

Concretamente, as obras financiadas en Rábade con cargo ao Pirep Local consistirán na mellora da eficiencia enerxética co incremento de illamentos térmicos, substitución das carpinterías exteriores por unhas novas de madeira con tripla folla de vidro, colocación de falsos teitos e a execución dunha instalación de climatización mediante unha unidade de tratamento de aire (UTA), unha bomba de calor e varios recuperadores. Tamén renovarase toda a instalación eléctrica e o alumeado do edificio por un novo de tecnoloxía LED de baixo consumo.

En relación á accesibilidade do inmoble, instalarase un ascensor para persoas con mobilidade reducida, construirase unha nova escaleira de acceso ao baixo, acondicionarase o escenario, e instalaranse carrís para a fixación de mobiliario que permita a adaptabilidade do espazo. As obras deberán estar rematadas antes de setembro de 2024.

3,2 millóns na provincia co Pirep Local

Isabel Rodríguez lembrou que o de Rábade é un dos 7 proxectos para a rehabilitación de edificios públicos que o Goberno financia con 3,2 millóns de euros do Pirep Local na provincia de Lugo. Ademais de Rábade, o Goberno costea actuacións en Vilalba, Antas de Ulla, Portomarín, Pol, A Pontenova e A Fonsagrada.

0.12566089630127