Supervisan o avance das obras do Parque Central de Galicia en Antas de Ulla

LugoXa
Os traballos comezaron coa explanación, o formigonado e os forxados das edificacións, ademais do arranxo dos camiños perimetrais
visita-obras-parque-central-de-galicia-antas
11 sep 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Antas de Ulla e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, veñen de supervisar o avance das obras do Parque Central de Galicia que a institución provincial ten en marcha no lugar de Nugallás, na parroquia ulloá de San Fiz de Amarante. Os traballos comezaron coa explanación, o formigonado e os forxados das edificacións, ademais do arranxo dos camiños perimetrais deste espazo público de lecer e natureza nos que a Deputación inviste 1,3 millóns de euros para poñer en valor o Centro Xeográfico galego co obxectivo de convertelo nun revulsivo económico e social.

“As obras avanzan rápido e, se todo segue sobre o previsto, no primeiro trimestre do ano que vén poderemos poñer á disposición dos veciños e veciñas este espazo público de Nugallás que será un polo turístico”, sinalou Tomé Roca. O mandatario provincial e a alcaldesa, acompañados polos técnicos responsables da obra, realizaron unha visita aos terreos, cunha superficie aproximada de 20.000m2 para coñecer de primeira man como avanzan os aspectos urbanísticos e técnicos do proxecto.

García Porto valorou que “é unha satisfacción poder facer realidade este proxecto que será importantísimo para a dinamización social e económica do noso concello”. “Atrás quedaron catro anos de atrancos do anterior Goberno municipal para que o Parque Central de Galicia fose cara adiante”, engadiu poñendo en valor o compromiso da institución provincial. “Nós estamos traballando ben, con compromiso e lealdade institucional, para poñer en marcha este espazo que beneficiará á veciñanza de Antas, e tamén á de toda a provincia. Porque aquí o que se trata é de aproveitar esta singularidade que temos e sacarlle partido”, destacou.

Na visita que fixeron aos terreos do Parque Central, o presidente tamén aproveitou para ver cos técnicos o estado dunha parcela adquirida nas inmediacións do complexo.

A empresa UTE Ovisa-Provisa é a adxudicataria do proxecto, que inclúe un pórtico de entrada, unha praza e un monolito situado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ademais, contará cun templete, un edificio multiusos, un parque infantil e fontes, así como iluminación, sinalización e mobiliario urbano. Tamén se vai mellorar e ampliar o camiño que circunda o complexo.

O edificio multiusos terá unha única planta e incluirá un soportal de acceso, salón de actos, vestíbulo/recepción, dous aseos adaptados e un despacho. En canto ao templete será aberto con columnas de pedra que soportarán a cuberta. Ademais, na zona do monolito utilizarase pavimento continuo de cuarzo vermello terracota, e o monólito será de pedra natural.

Polo que respecta a explanada de xogos contará cuns 32 metros de longo e 19,60 metros de ancho, pensado para crear un espazo de ocio para as familias, escolares e o desenvolvemento de actividades. Entre os dous edificios, a zona de xogos e o monolito, haberá un camiño de acceso central e un sendeiro perimetral peonil. Contémplase ademais a instalación de dúas fontes que contarán con auga apta para o consumo humano, a iluminación do conxunto do complexo, sinalización e unha serie de mobiliario como papeleiras de madeira, bancos e mesas de pedra para poñer a disposición dos visitantes.

Aparcadoiro e mellora do acceso ao Parque

A Deputación xa acometeu diversas actuacións para acondicionar o espazo, e a construción dun aparcadoiro, que conta con 21 prazas para coches, dous para autobuses, así como prazas para motos e bicicletas, incluíndo espazos reservados para persoas con mobilidade reducida. Nos terreos adquiridos pola institución provincial, realizáronse tamén labores de desbroce, corta de eucaliptos, plantación de especies autóctonas, entresaca de arbustos, podas e sementeira de céspede, entre outros traballos.

0.18963193893433