Supervisan o remate das obras de remodelación do Club Fluvial de Friol
A Xunta e o Concello de Friol investiron máis de 800.000 euros na mellora da contorna do Club Fluvial para que ofreza as mellores condicións de seguridade, salubridade e habitabilidade, tal e como asegurou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ás novas instalacións.
Ángeles Vázquez puxo esta obra como exemplo de compatibilidade entre deseño e utilidade, ademais de salientar a súa sostibilidade, co uso da aerotermia, e impermeabilidade.
Esta actuación, que permitiu reformar o edificio do club, renovar as piscinas existentes e reurbanizar a contorna, financiouse ao abeiro do plan Hurbe, unha iniciativa que desde a súa posta en funcionamento no ano 2010 permitiu levar a cabo máis de 360 intervencións urbanísticas en decenas de concellos cun investimento global que supera os 155 millóns de euros.
Esta liña de cooperación coa Administración local mantense en 2022 cun orzamento de 7 millóns de euros, reservados pola Consellería para seguir a realizar actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas.
Neste caso, a remodelación do Club Fluvial recibiu un financiamento de máis de 815.000 euros, en tres anualidades, das que a Xunta concedeu o 70% e o concello, o 30% restante. Nesa liña, a conselleira agradeceu o “importante esforzo económico” por parte do Concello de Friol.
Con este investimento leváronse a cabo diversas melloras como a demolición e nova construción da edificación dedicada a usos recreativos de apoio ao club fluvial. E, no que respecta ás piscinas, revisouse o sistema de depuración e implantouse un sistema de desinfección combinando o control dixital e tradicional, ademais de controlar o depósito regulador con válvula motorizada con bloque de seguridade.
Cómpre lembrar que este plan reflicte o compromiso da Xunta á hora de ofrecer o seu apoio ás entidades locais e promover actuacións que, na liña do acondicionamento levado a cabo en Friol, contribúen a dinamizar as vilas galegas por medio da mellora dos seus equipamentos e servizos públicos.