Supervisan os traballos de preparación del circuíto Jorge Prado para o Mundial de motocrós

LugoXa
O Club Motopark Lugo iniciará tarefas de mellora na pista mentres o Concello de Lugo acomete desbroces e prepara a sinalización de accesos
jorge-bustos-supervision-cirucito-motocros
26 Jan 2025

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, realizou unha visita ás instalacións do circuíto municipal Jorge Prado, situado en Vilachá, para supervisar o inicio dos traballos de adecuación de cara á celebración do Gran Premio do Campionato do Mundo de Motocrós que terá lugar os días 10 e 11 de maio. Durante o percorrido, o edil estivo acompañado por representantes do Club Motopark Lugo, entidade encargada da xestión da infraestrutura.

“Estamos a preparar o escenario para un dos grandes eventos deportivos do ano, unha cita que sitúa a nosa cidade no mapa internacional grazas a un circuíto municipal que é único en Galicia,” afirmou Bustos. Entre os traballos iniciais destacan melloras na pista a cargo do club concesionario e o desbroce do entorno, acometido polo Concello de Lugo. Ademais, estanse a iniciar os trámites necesarios para a sinalización dos accesos á instalación.

O edil subliñou a importancia desta colaboración público-privada para lograr que Lugo volva ser o epicentro do motocrós mundial: “O éxito da edición do ano pasado, que contou con milleiros de asistentes, demostra o enorme potencial destas instalacións non só como escenario deportivo, senón tamén como un motor económico e social para o noso municipio.”

O Gran Premio, que será a oitava proba puntuable do Mundial de Motocrós, traerá a Lugo os mellores pilotos do mundo en disciplinas como MXGP, MX2, o Europeo de 250cc e o Mundial feminino. “Traballamos para ofrecer as mellores condicións aos deportistas e ao público, consolidando esta instalación como unha referencia internacional que ademais dinamiza o turismo e o consumo na nosa cidade,” engadiu Bustos.

As melloras previstas inclúen accións específicas para reforzar a seguridade da pista e os servizos xerais, garantindo que o circuíto Jorge Prado se manteña á altura dos estándares esixidos para albergar un evento desta magnitude.

0.17110395431519