Suspenden cautelarmente un parque eólico en Antas e outro que afecta a Cervo, Xove, Viveiro e ao Valadouro

LugoXa | AMariñaXa
Nos seis casos analizados, conclúen que se acreditaron os prexuízos que as instalacións poderían ocasionar a valores ambientais sensibles
Imaxe recurso de eólicos
Imaxe de arquivo
17 Xuño 2024

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión cautelar de seis parques eólicos autorizados pola Xunta ao entender acreditada a existencia do periculum in mora, que forma parte da esencia da medida cautelar. En concreto, decretou a paralización cautelar dos parques Estivada -situado en Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo)-; Piago -situado en Cervo, Xove, Viveiro e Valadouro (Lugo)-, Alvite II -situado en Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña)-; Valdepereira -situado en Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense); Coto Loureiro -situado na Laracha e Cerceda (A Coruña) e Feás -situado en Aranga e Coirós (A Coruña).

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do alto tribunal galego advirte que “a prevalencia da protección ambiental non significa que se a actuación incide no medio ambiente teña que ser suspendida de forma automática”. Deste xeito, lembra que para acoller as medidas cautelares fundadas no periculum in mora é necesario ter en conta “que non basta con facer unha referencia xenérica a danos posibles, senón que se teñen que singularizar e acreditar, isto é, pasar da abstracción á concreción”.

Nos seis casos analizados, a Sala conclúe que se acreditaron os prexuízos que as instalacións poderían ocasionar a valores ambientais sensibles, así como a presenza nesas zonas de especies vulnerables ou en perigo de extinción. No auto relativo ao de Piago, sinala que se considera probada, de forma indiciaria, “a afección visual e paisaxística, tanto á Rede Natura como ás áreas de especial protección da paisaxe”.

0.10368800163269