Suspendido o partido do Breogán contra o Tenerife polas goteiras no Pazo
Vén de suspenderse o partido de baloncesto do CB Breogán contra o Laguna Tenerife que se estaba a disputar durante a tarde de hoxe debido ás goteiras que se produciron dentro do Pazo dos Deportes, eterno espazo de xogo do equipo de baloncesto lucense, que se atopa en Liga ACB, a liga superior deste deporte.
Pasado o minuto 12 no segundo cuarto, a 7:53 minutos para o descanso, e cun resultado 23-23, decidiuse parar 15 minutos para que os traballadores do Club Breogán puideran limpar con toallas, fregonas e trapos toda a auga acumulada pola humidade por condensación que está afectando ao parqué da instalación deportiva, xa que era imposible que os xogadores puideran xogar nesas condicións.
Pero non só iso, senón que a afección tamén sufriu as goteiras, polo que moitos deles se mostraron moi críticos co responsable da área de Deportes na Diputación de Lugo, Efrén Castro, xa que é o encargado de manter en boas condicións un espazo público que alberga eventos deportivos dunha gran importancia para a cidade.
Varios afeccionados sostiveron que "é unha vergonza ver en que condicións se atopa a casa do Breogán, na que xogadores de primeiro nivel enfróntanse contra equipos que saen de aquí cunha imaxe de Lugo moi negativa e iso fai que vexan Lugo en xeral como un lugar de segunda".
Con todo, o pasado mes de setembro de 2023 a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, liderada por Efrén Castro, anunciaba que actuaría na cuberta do Pazo dos Deportes para paliar as filtracións que se produciron tralas fortes chuvias, que se suceden no outono e inverno de Lugo; pero ás que non se lles puxo remedio, tal e como se comprobou no día de hoxe neste enfrontamento que quedará aprazado para unha data aínda por confirmar.
EXPLICACIÓNS POR PARTE DA VICEPRESIDENCIA
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo vén de anunciar que porá en marcha de forma inmediata "todos os mecanismos para diagnosticar os motivos da alta condensación que provocou a humidade da pista", e establecer, o máis axiña posible, medidas para tratar de que a situación non se repita.
As instalacións empregáronse nas últimas semanas para partidos e adestramentos con normalidade, sen que houbera goteiras sobre a pista nin fallos no sistema de ventilación que permitisen prever esta situación, "que é excepcional", comentan.
Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo "lamentamos os prexuízos aos clubs e á afección que acudiu a ver o encontro", concluíron.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Dende o Grupo Popular culpan directamente a Efrén Castro da “penosa imaxe” que se transmitiu onte de Lugo: “o nome de Lugo é titular en España por unha noticia moi mala da que o único responsable é Efrén Castro por levar máis de 5 anos negándose a asumir e solucionar os problemas do Pazo”.
Así, dende o PP recordan que a necesidade de renovar a cuberta “non é algo novo, xa que os problemas de goteiras e condensación levan anos sendo unha triste realidade de todos os equipos que adestran e xogan no Pazo, pero Efrén Castro sempre buscou escusas para non acometer unha obra que hai anos que se tería que ter realizado”.
Antonio Ameijide tamén recorda que hai que solucionar outros problemas moi preocupantes, como o da climatización, entre outros: “Se dende o BNG dedicaran a traballar por solucionar os problemas do Pazo o mesmo tempo e enerxía que puxeron en buscar escusas, non teríamos que lamentar a suspensión dun encontro da Liga ACB polas goteiras”, concluíu.