TADEGa celebrará en Lugo o seu IX Congreso baixo o lema “Inclusión, madia leva!”

LugoXa
O encontro, que se desenvolverá os días 7 e 8 de novembro de 2025 no CEIP Anexa e na Facultade de Formación do Profesorado, reunirá profesionais e familias
Congreso-Tadega
6 Oct 2025

A asociación galega TADEGa anunciou a celebración da novena edición do seu congreso, que terá lugar en Lugo os días 7 e 8 de novembro de 2025 baixo o lema “Inclusión, madia leva!”.

O evento desenvolverase en dúas sedes: o CEIP Anexa e a Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, e converterase nun espazo de encontro para profesorado, investigadores e investigadoras, equipos directivos, familias e persoas interesadas na transformación educativa.

O congreso busca fomentar a reflexión, o intercambio de experiencias e a creación de alianzas que impulsen a inclusión e a diversidade no ámbito escolar. A organización fixou un aforo máximo de 150 persoas e ofrece homologación oficial de 15 horas pola Consellería de Educación, ademais de certificación da Universidade de Santiago de Compostela.

A programación arrancará o venres 7 de novembro coa recollida de documentación ás 16:30 horas, seguida do acto de benvida e inauguración ás 17:00. A relatora Lucía Álvarez será a encargada de abrir o congreso cun relatorio sobre inclusión e diversidade. A tarde completarase con obradoiros e seminarios ata as 21:30, e unha cea con asemblea aberta de carácter opcional pechará a primeira xornada.

O sábado 8 continuará a actividade con sesións de obradoiros e seminarios durante toda a mañá e parte da tarde, para culminar cunha mesa redonda entre as 18:30 e as 20:15 e o acto de clausura no salón de actos ás 20:30 horas.

⚙ Configurar cookies
0.088083028793335