Talento literario desde A Chaira (II)

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga
11 Mar 2022

Por Pablo Veiga

O trece de maio do pasado ano presentárase no salón de actos da Deputación de Lugo a obra Lareira de Soños, un magnífico traballo realizado por Pastora Veres, veciña da emblemática parroquia dos Vilares, en Guitiriz. A autora, coa que compartimos profesión, valeuse dun cento de persoas para debullar a historia dos últimos cen anos do lugar, que ven sendo a historia da bisbarra e ata a da Galicia Interior. A lectura deste libro é unha viaxe apaixoante ao longo do tempo, na que as historias e aventuras dos múltiples personaxes que nel saen, son toda unha lección do que era a vida desde principios do século XX ata a actualidade.

Unha ollada no índice é suficiente para ver as intencións do que pretende Pastora con esta publicación. Os dous primeiros apartados, De quen vimos sendo e Os alentos que me quentaron contextualizan por unha parte os escenario principal, é dicir, a localización, Os Vilares, e pola outra a presenza da propia Pastora nese entorno e a evolución no mesmo, desde que nace ata a súa entrada na universidade, describindo á perfección como era esa contorna familiar e veciñal. A continuación, o corpo lo libro, As vidas silenciosas, no cal saen á luz as vivencias desas ducias de mulleres e homes, auténticos exemplos da cultura do esforzo, xa que desde puntos de partida con moitísimas carencias foron quen de saír adiante, superando atrancos, traballando arreo para un mellor porvir das súas familias. Calquera que lea Lareira de Soños, poderá identificar a moitas desas persoas, así como as súas circunstancias. A dureza da vida no campo, as lamentables mortes de nais durante os partos, a desgaleguización da escola e sobre todo, a emigración, son contadas por Pastora Veres con tal veracidade que semella unha auténtica acta notarial. Así mesmo, explícanos o espírito innovador e emprendedor daquela xente que non se resignaba a vivir en malas condicións de maneira perpétua. Os Vilares, terra de trapeiros, e lugares próximos, teñen entre os seus fillos a auténticos profesionais e artistas que triunfaron en distintos campos, deixando pegada alá por onde pasaron. E iso non foi por casualidade. Existía unha motivación, onde renderse non estaba contemplado.

Finalmente, tamén é significativo a alusión, necesaria, merecida e imprescindible que fai a escritora a Xermolos e á súa alma máter, o crego Alfonso Blanco. As últimas décadas de Guitiriz e da Terra Chá non se entenderían sen a súa labor. E por suposto, o presente máis actual, onde sangue novo vilarego segue facendo parroquia e facendo País.

Cómpre ler este libro, de principio a fin. No entando, permítome recomendar as últimas páxinas, coa carta de Xosé de Xacinto, nado a principios dos sesenta e residente en Barcelona. Non pode ser máis clarividente a exposición que fai da súa propia traxectoria, que é a de centos, a de miles de galegos, que marcharon, aínda que non de todo.

Graciñas Pastora pola túa Lareira de Soños, escrita con ese talento literario chairego que estaba aí agachado sen darnos conta delo.

0.16412019729614