Tamara García, recoñecida como mellor trailrunner de Galicia 2025 na gala da Federación Galega de Atletismo

LugoXa
A atleta do CD Biosbardo recibiu o premio especial á competitividade tras unha tempada marcada polos títulos, os podios e a súa recuperación dunha lesión
Gala-Anual-de-Trailrunning-Tamara-Biosbardo-Lugo
12 Jan 2026

A deportista Tamara García, integrante do CD Biosbardo, foi distinguida como mellor trailrunner de Galicia 2025 na Gala Anual de Trailrunning da Federación Galega de Atletismo, na que recibiu o premio especial á competitividade como recoñecemento a unha tempada de alto nivel deportivo. O xurado valorou especialmente os seus resultados ao longo do ano, así como a súa capacidade de superación tras regresar á competición logo dunha lesión sufrida durante o Campionato de Federacións celebrado en Ibiza.

García é a actual campioa galega de trailrunning na distancia ultra, encabezou o ranking da modalidade Vertical, situouse na segunda posición da clasificación Classic e foi a primeira atleta galega nos campionatos de España individuais, uns logros que consolidaron o seu liderado dentro do trailrunning galego durante a tempada 2025.

Na categoría de maiores, a Gala tamén deixou recoñecementos destacados para o CD Biosbardo. A nova deportista do club, Charo Figueroa, foi premiada como líder do Ranking Maratón, mentres que Emilio Montilla recolleu o galardón como líder Classic na categoría M55. Pola súa banda, os atletas Fico Losada e Marcos Pascual recibiron os premios correspondentes á tempada 2025, antes de incorporarse nesta campaña ás filas do club Castro Trail, un labor polo que o CD Biosbardo expresou o seu agradecemento.

O Teatro Principal de Ourense acolleu tamén un recoñecemento especial vencellado a este club, xa que Iván Sangiao, actual responsable galego da Federación Galega de Atletismo na especialidade de trailrunning, recibiu de mans do presidente da entidade un galardón pola súa traxectoria e pola súa contribución ao desenvolvemento desta disciplina en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.081104040145874