Tania Fernández achega a súa experiencia deportiva ao alumnado lucense dentro do ciclo Luz ao deporte

LugoXa
A Fundación Breogán organizou unha nova charla coa colaboración da Xunta e Abanca para promover valores entre a mocidade
Tania-Fernandez-Luz-ao-deporte-Lugo
18 Nov 2025

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu unha nova sesión do ciclo Luz ao deporte, protagonizada nesta ocasión pola piragüista Tania Fernández. A actividade, organizada pola Fundación Breogán co apoio do Goberno galego e a colaboración de Abanca, contou coa presenza do delegado territorial, Javier Arias, e do director da entidade promotora, Luis Abel Taboada, entre outros asistentes.

O encontro nace coa intención de transmitir valores deportivos aos mozos e mozas da provincia, que teñen a oportunidade de escoitar en primeira persoa os relatos e aprendizaxes de figuras recoñecidas do deporte galego. Nesta ocasión, a palista lucense compartiu co público os momentos máis relevantes da súa traxectoria e explicou como afrontou os principais retos da súa carreira.

O auditorio estivo formado por alumnado do CEIP Anexa, o CEIP de Nadela, o CIFP Politécnico, o CPR Divina Pastora-Salesianos e o colexio San Lorenzo, que puideron dialogar coa deportista e coñecer de preto o seu proceso de formación e superación. Fernández adestra actualmente no Kayak Tudense tras unha destacada primeira etapa no Club Fluvial de Lugo, onde consolidou a súa proxección profesional.

A deportista vén de revalidar, xunto con Tania Álvarez, o título de campioa mundial na modalidade de K2 no Mundial de Maratón celebrado en outubro en Hungría, un logro que xa acadaran no ano 2022. Ao longo da súa carreira sumou tamén tres medallas de prata e un bronce neste mesmo campionato desde 2018, ademais dunha prata e un bronce en competicións europeas, o que a sitúa como unha das palistas máis destacadas do panorama internacional.

⚙ Configurar cookies
0.072224855422974