Tanxugueiras volve ser cabeza do cartel de concertos do San Froilán 2025

O Concello de Lugo presentou esta mañá de xoves, 19 de xuño, os concertos musicais para o San Froilán 2025 programados desde a área de Cultura e a Tenencia de Alcaldía, encabezada polo BNG.
O San Froilán 2025, que se celebrará entre os días 4 e 12 de outubro acollerá moitas actividades para todo o público, tanto adulto como infantil, pero polo de agora avanzouse nas actuacións musicais, que se desenvolverán en tres localizacións estratéxicas: A Praza da Mosqueira, a Praza Horta do Seminario e a Praza Santa María.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentaron o cartel sostendo que é "moi variado" e invitan a lugueses e a persoas de toda Galicia e de fóra a que reservan as datas para celebrar "as grandes festas do outono galego".
Ferreiro, ademais, sostivo que "este ano o San Froilán será un lugar de encontro para as personas e onde descubrir novos grupos e novas voces con diferentes estilos para todos". Tamén recalcou a presenza de catro grupos musicais formados integramente por mulleres.
ARTISTAS DO SAN FROILÁN 2025
Así, Tanxugueiras volverá a encher Lugo coa súa música tradicional mesturada con sonoridades electrónicas, logrando revitalizar o folclore da súa terra cun estilo moderno e cheo de enerxía. Xunto a elas, Xoel López achega a súa mestura de pop, rock e folk, cunha carreira destacada tanto en solitario como co seu antigo proxecto Deluxe, e cunha forte conexión coa cultura galega. Ademais, Lia Kali aporta unha presenza fresca e innovadora na escena musical, mesturando estilos como o pop, a música electrónica e o folk.
Pola súa banda, El Consorcio, formado por exintegrantes do mítico grupo Mocedades, destaca pola súa música coral e a interpretación de cancións clásicas e tradicionais, que completan este amplo abanico musical. Nunha liña máis contemporánea, Guadi Galego combina a música tradicional con estilos actuais, ofrecendo unha voz característica e letras emotivas que conectan profundamente coa cultura galega.
En contraste, Bala achega un son potente e contundente, cun estilo de punk e rock alternativo que se fai sentir coa súa enerxía en directo. Mentres tanto, Lucía Pérez representa o pop e a música festiva galega, coñecida polo seu optimismo e pola súa participación en festivais de gran repercusión, como Eurovisión.
Vera Fauna ofrece un universo íntimo e emocional, mesturando pop, electrónica e sonoridades atmosféricas que crean unha experiencia musical única. Na mesma liña alternativa, Biznaga trae un rock enérxico con letras que abordan temas sociais e persoais con intensidade e compromiso.
Finalmente, Patax completa esta diversidade musical cunha fusión festiva e rítmica, mesturando música tradicional galega con ritmos latinos e africanos, o que garante un espectáculo animado e vibrante.
Todos estes artistas forman un cartel variado e atractivo para o San Froilán 2025, con propostas para todos os gustos e públicos, pero tamén avanzaron que estes son 10 dos 70 concertos que haberá.