'Tenrura', de Manuel Pacheco, gaña o concurso de composicións musicais de Outeiro de Rei

Tenrura, da autoría de Manuel Pacheco, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da cuarta edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada esta tarde, cunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O autor que levou un premio de mil euros en metálico, verá a súa composición editada, xunto as obras das outras finalistas, nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza para que poida ser empregado como material didáctico.
A gala-concerto contou coa presenza do barítono Gabriel Alonso e o pianista Ricardo García que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas, Tenrura de Manuel Pacheco Sánchez, O meu barco de Luis Serrapio Fernández, Nas leves tardes de Outono de Yónatan Sánchez Santianes e Eu son de Outeiro de Rei de Manuel María Veiga Lombardía. E nunha segunda parte presentaron en concerto unha serie cancións galegas dos compositores José Baldomir, Manuel Moreno-Buendía, Juan Durán, Xavier Montsalvatge, Antón García Abril e Rosendo Mato Hermida baseadas en poemas de Curros Enríquez, Eduardo Blanco Amor, Miguel Anxo Fernán Vello, Marica Campo, Ramón Cabanillas, Álvaro de las Casas e Daniel Castelao.
O gañador desta edición, Manuel Pacheco, mora en Madrid e é compositor, pianista e director de coro.
O concurso contou cun salientábel e prestixioso xurado composto por Margarita Viso Soto, Alejo Amoedo Portela e Julio Cabo Messeguer, que nunha primeira fase, celebrada a primeiros do mes de xullo, escolleu, de entre todas as composicións anónimas que se presentaron a concurso, as catro pezas finalistas que se puideron escoitar no día de hoxe nun cheo auditorio da Casa-Museo Manuel María.