Tensión nas relacións entre o Concello de Lugo e o Colexio de Arquitectos

LugoXa
A alcaldesa considera "inaceptables" as valoracións do Colexio de Arquitectos sobre o nomeamento do xefe de servizo de arquitectura
sede coag lugo
12 Feb 2021

O Concello de Lugo e mailo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) situábanse esta semana no centro da polémica. As críticas do COAG sobre a "lentitude" coa que o ente municipal resolve as licenzas de obra maior, e tamén sobre o nomeamento como xefe de servizo de Arquitectura da persoa que desempeñaba o cargo en funcións dende facía un ano, ao consideralo unha "solución continuísta que se adoptou con alguén que non axilizou a xestión", causaban un fondo malestar no equipo de Lara Méndez.

De feito, a propia alcaldesa remitiu unha carta á delegación lucense do COAG, que dirixe Carmen Figueiras, reprobando que se abordase nunha asemblea "un asunto puramente municipal, sen ter recabado o máis mínimo dato da administración á que represento, o que na miña opinión deixa baleiro calquera pronunciamento ao respecto".

Lara Méndez considera "inaceptable" o sinalamento a un funcionario "sen tacha no seu expediente na Administración local" e lembra ao órgano colexial que a provisión de postos de traballo na Administración "ten natureza regrada, como debe ser en defensa do interese xeral". A pesares de considerar a valoración do COAG "un exabrupto que sobrepasa as fronteiras do aceptable", na súa misiva a rexedora convida á decana-presidenta a "restituir a normalidade" nas relacións institucionais entre Concello e COAG.

O PP FALA DE CRISE INTERNA

Namentras se tenta restituír esa normalidade nas relacións entre os dous entes, o grupo municipal do PP saía este venres ao paso da polémica, recriminándolle á alcaldesa "que arme unha guerra pública" e instándoa "a que gaste as súas enerxías en axilizar os trámites urbanísticos que se eternizan cando entran no Concello e que se deixe de cargar contra colectivos que levan anos padecendo a súa falta de xestión".

Para os populares a "posta en escea" da alcaldesa ao enviar a carta á decana-presidenta da COAG en Lugo,  non deixa de ser "outro capítulo máis do desencontro que hai entre Méndez e o concelleiro de Urbanismo, Miguel Couto, a conta do nomeamento do xefe de servizo". Falan de "crise interna" no grupo de goberno, que achacan ao "cambio de última hora" para a designación das xefaturas de servizo. Un cambio, segundo din, que provocou a ausencia do propio responsable da área de urbanismo no acto de nomeamento do xefe de servizo.

0.25664591789246