Teresa Fernández asume a coordinación comarcal do PSdeG na Montaña de Lugo

Teresa Fernández, concelleira de Políticas Sociais e Educación na Fonsagrada e profesora de Bioloxía e Xeoloxía, foi nomeada nova coordinadora comarcal do PSdeG na Montaña.
Cunha traxectoria marcada pola defensa do rural, Fernández avoga por reforzar a cooperación entre concellos como vía para frear o despoboamento e impulsar a calidade de vida nas aldeas galegas.
A nova responsable comarcal advertiu de que “en moitas ocasións os concellos pequenos somos esquecidos. Os nosos problemas non son os das cidades. Necesitamos que a nosa voz se escoite para atraer novas veciñas e veciños e novas iniciativas empresariais cara ao noso territorio”.
Fernández subliñou que a preservación do medio natural está directamente ligada á presenza de poboación: “A conservación da natureza tal e como a coñecemos só é posible se a xente vive no territorio. Quizais habería que calcular cal é o custo real do abandono das aldeas para que as administracións empezasen a traballar por esa Galicia rural da que tanto se predica”.
O seu nomeamento chega con vontade de impulsar a voz da Montaña, fortalecendo as raíces e mirando cara ao futuro.