Terra Chá Sostible denuncia a plantación ilegal de eucaliptos

TerraChaXa | LugoXa
Terra Chá Sostible vén de presentar dúas denuncias por plantacións ilegais de eucaliptos a unhas semanas do veto a esta especie.
eucaliptos
20 May 2021

A asociación Terra Chá Sostible vén de presentar diante da xefatura territorial de Medio Rural e Mar de Lugo dúas denuncias por plantacións ilegais de eucaliptos a unhas semanas de que se produza o veto a esta especie.

As denuncias que presentaron abranguen máis de 64 parcelas e cubrindo máis de 100 hectáreas tan só nos concellos de Begonte, Outeiro de Rei, Lugo, Castro de Rei e Friol. "Por culpa da falla de control por parte da administración, as plantacións ilegais en terras agrarias, as talas das nosas fragas e a roturación e destrución de matogueiras e outros hábitats autóctonos para a súa posterior plantación con esta especie exótica invasora estanse a disparar na comarca", explican dende o colectivo.

Engaden que esta situación está a causar un problema de escaseza de terras para os gandeiros, subindo o prezo das mesmas e facendo que as parcelas existentes estean sufrindo unha excesiva intensificación, con gran uso de pesticidas e emendas químicas que rematan contaminando as augas e acuíferos. "Tamén se está a dar unha situación paradoxal, xa que detectamos algunhas talas de carballeiras para convertelas en terras agrícolas, mentres que moitas terras agrícolas estánse transformando ilegalmente a eucalipto", din.

"O feito de que a Xunta de Galicia acabase de aprobar a Lei de recuperación de terras agrarias e a mal chamada moratoria do eucalipto son indicativos do mesmo problema e a xente que vivimos no rural e do rural podemos ver tódolos días que a eucaliptización da Terra Chá (e de Galicia en xeral) non é xa só un problema paisaxístico, senón que tamén se converteu nun problema ambiental, social e nun futuro converterase nun problema económico", aseguran.

Afirman que as consecuencias comezan a observarse na comarca: "co abandono do rural e o éxodo da poboación ás cidades, as leiras quedan abandonadas e en moitos dos casos plantadas a eucalipto, o que ocasiona que as persoas que no futuro queiran asentarse no rural, busquen outras comarcas nas que non teñan que arrincar os eucaliptos que están plantados ilegalmente nos terreos de cultivo impedindo así calquera uso agrario". Isto xa está a acontecer nas comarcas da Mariña e Ortegal, "onde atopamos o maior número de aldeas abandonadas (concellos de Ortigueira, Viveiro, etc) de Galicia e onde podemos ver aldeas coa totalidade dos seus terreos de cultivo plantados a eucalipto imposibilitando así o retorno ao rural e supoñendo a sentenza de morte final para esas aldeas. Queremos isto para a Terra Chá? Estamos a tempo de evitar un rural abandonado e colonizado por plantacións dunha especie exótica invasora que pode ser xestionada polo propietario forestal incluso residindo fóra do país, porque como ben di nos seus anuncios certa empresa que practicamente ten o monopolio... déixao nas nosas mans e despreocúpate”.

Membros do colectivo aseguran que non están a falar só dun desastre ecolóxico e social, tamén falamos dun futuro desastre económico, "nefasto para o rural galego, xa que o recente boom de plantacións ilegais de eucalipto por culpa do anuncio da moratoria, a cal consideramos insuficiente e mal redactada, xerará un exceso de oferta de madeira, o que desencadeará a curto-medio prazo unha baixada no prezo da madeira desta especie, obtendo así os propietarios de terreos forestais un rendemento económico moito menor".

Estas denuncias non son máis que o comezo, xa que esta asociación, ademais de velar por que se cumpra a lei, loita por un modelo verdadeiramente sostible, ecolóxico, social e demográfico da nosa comarca. "Unha comarca na que a xente do rural poida ter acceso a terras onde poder desenvolver as súas actividades agrogandeiras, comezar unha vida no rural, que se asente poboación nova e se loite contra o actual despoboamento. O eucalipto é o problema, non a solución, estamos a tempo de arranxalo", conclúen.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.092529058456421