Terra Nova, a orquestra que lle dá unha volta ao clásico e “pon en valor a cultura lucense”

LugoXa
A formación ofrece unha dobre función este sábado, ás 12.00 e ás 19.00 horas, no Círculo das Artes
orquesta_terra_nova
18 Jun 2024

Lucía Blanco

Fai case dous anos a cidade viu nacer a Terra Nova, unha orquestra instrumental que pretendía darlle unha volta ao clásico. “Nace por unha iniciativa persoal de poñer en valor a cultura lucense e de ofrecer un actor máis ó tecido cultural da cidade, achegando a música académica ó público xeral”, conta o seu director, Nicolás Ravelli Barreiro (Buenos Aires, 1991). Coa súa formación, que arrancou cuns 14 membros e suma xa 80 músicos de entre 15 e 35 anos, este arxentino afincado en Lugo ofrece a instrumentistas novos a capacidade de ter unha práctica orquestral previa á vida profesional.

Tocan dende o violín, a viola, o chelo, o fagot, o clarinete, a trompeta, toda a percursión ou a arpa e diferéncianse non só o repertorio elixido, senón polo xeito de presentar as pezas ao público. “Sempre tentamos achegalo para que poida ser desfrutado por todo o mundo, independentemente do grao de formación ou da idade”. Baixo esta premisa preparan a actuación de este sábado no Círculo das Artes, onde ofrecerán unha versión de La Meiga en dobre función, ás 12.00 e ás 19.00 horas.

“Queremos achegarnos a un dos fitos da zarzuela galega que, sen saber o porqué, caeu no esquecemento”. A música é dunha calidade e profundidade poucas veces vista e cun profundo entendemento e coñecemento da tradicional galega, “que se fusiona maxistralmente con sonoridades veristas do máis puro estilo europeo”. Ademais, Ravelli destaca o gran traballo de adaptación e posta en escena que fixo o Colexio Fingoi ao “achegar a historia ós nosos días e facela atractiva para todos”.

O director anima a todos a desfrutar da música académica que, “a pesar de todos os mitos que hai ó seu redor, segue a ser unha arte viva, actual e con moitísimo para ofrecer”. Este concerto súmase a unha curta pero intensa traxectoria da que fan un balance máis que positivo. “Con moitísimo orgullo e traballo mantivemos esta formación, que é a promesa cultural desta cidade, viva, vixente e en pleno desenvolvemento artístico, a pesar da falta de recursos tanto técnicos como económicos cos que contamos”.

Como obxectivos márcanse seguir medrando e demostrando que “a arte é para todos e que dignifica”. Son o claro exemplo de que o relevo xeracional no clásico está máis que asegurado e queren continuar aportando “unha mirada diferente no quefacer artístico, poder suplir todas as deficiencias loxísticas e económicas coas que contamos e establecernos como un polo de referencia a nivel orquestral, porque a nosa cidade ben o merece”, conclúe Ravelli.

0.085330009460449