Testemuños, manifestación e actuación de Loco Mía: Lugo reivindica a diversidade sexual

LugoXa
Baixo o lema “Lugo sen armarios”, Lugo celebra o Día Internacional do Orgullo e reivindica a diversidade e os dereitos de todas e todas
lugo-Día-Orgullo
28 Xuño 2024

Baixo o lema “Lugo sen armarios”, Lugo celebra o Día Internacional do Orgullo este venres 28, con esta campaña que reivindica a diversidade e os dereitos de todas e todos, independentemente da súa orientación sexual. Para iso, a concellería que dirixe Ángeles Novo instalará durante unha semana cinco armarios noutras tantas prazas da cidade, nos que a través de códigos QR no interior de cada armario, se poderá acceder ás historias de varios lucenses, de distintas idades, sexos e profesións.

“Queremos que as persoas que están nesa situación vexan que o éxito persoal e profesional é posible, independentemente da súa orientación sexual, ao tempo que levamos  a cabo unha campaña de sensibilización dos problemas aos que aínda hoxe ten que enfrontarse algunhas persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero ”, explica Ángeles Novo.

A área de Igualdade e Inclusión do Executivo de Paula Alvarellos colabora un ano máis cos colectivos Avante e coa Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo, Alas, para o desenvolvemento dos actos do día do Orgullo, e en especial da súa faceta musical. Así, ás 20.00 horas comezará a manifestación na praza Horta do Seminario, para rematar coa lectura do manifesto. Despois destes actos reivindicativos comezará a sesión disco, a cargo do DJ Beta, na praza da Soidade.

Para a edil responsable desta área “como administración local temos a obriga de construír unha sociedade inclusiva e libre, onde a educación xoga un papel fundamental para promover o respecto ás diferentes orientacións sexuais”. Precisamente, para sumarse a todas as reivindicacións e demandas no campo da diversidade, o Concello de Lugo lucirá por primeira vez a bandeira trans xunto ao estandarte arcoiris, co obxectivo de reflectir unha realidade social.

Concerto de LocoMía

“Trátase dunha xornada que debe servir para reivindicar dereitos e para que esta ampla comunidade reafirme a súa orientación sexual, ao tempo que denunciamos as actitudes homófobas que, por desgracia, aínda están presentes na nosa sociedade”. Co obxectivo de cubrir toda a cidade, estas montaxes faranse en diferentes enclaves de Lugo como ao fondo da Praza Maior; Praza do Ferrol; Horta do Seminario; Praza da Milagrosa e Praza de Augas Férreas.

Dentro do programa do día do Orgullo, a concellería de Igualdade e Inclusión do Goberno local ten prevista ademais a actuación do grupo LocoMía, todo un referente da música electrónica e pop de finais dos anos oitenta e primeiros dos noventa, que marcou un fito pola súa estética transgresora, o seu vestiario e estilo propios.

Será o 19 de xullo, pero como parte do programa municipal para celebrar o Día do Orgullo, na praza Horta do Seminario cun concerto que comezará ás 21.00 horas coas actuacións do DJ Frisco e de Marcos Peón, para despois dar paso á actuación do novo grupo Loco Mía, posto en marcha polo entón creador do conxunto primixenio, Xavi Font.

0.091982126235962