The Real Mckenzies actuará no Arde Lucus o 15 de xuño
A vixésimo terceira edición do Arde Lucus, que se celebrará do 13 ao 16 de xuño, xa conta cun concerto do máis alto nivel para a noite do sábado, o día grande desta festa de interese turístico galego, nacional e internacional.
O escollido é o grupo canadense The Real Mckenzies, toda unha referencia a nivel mundial no punk folk, que destacan por mesturar rock e folk coa música tradicional escocesa, imprimindo aos seus directos un son moi potente, no que as gaitas cobran un protagonismo especial.
O edil de Xuventude, Jorge Bustos, explica que “polo seu directo, moi potente e divertido, cremos que encaixa á perfección na festa do Arde Lucus”.
“Ademais, será un luxo poder contar en Lugo con este grupo, que no mes de xuño estará de xira por varias cidades españolas, entre elas Madrid, Barcelona, Valencia ou Zaragoza. Precisamente, os canadenses recalarán en Lugo para tomar parte no Arde Lucus, despois do seu concerto en Madrid”, subliñou.
Con esta ambiciosa aposta, o Executivo de Paula Alvarellos busca que a música se converta tamén nun importante reclamo dentro da programación de actividades do Arde Lucus. O escenario do concerto localizarase na Praza Horta do Seminario, na parte máis próxima aos edificios de vivendas, mentres que no outro extremo da praza se situará o campamento dos Mercenarios Galaicos.
The Real Mckenzies é unha das bandas de punk folk de maior traxectoria a nivel internacional; de feito comezaron a súa carreira profesional en 1992 e desde entón estivo liderada polo incombustibe Paul McKenzie, poeta, cantante e compositor principal do grupo.
Ademais da gaita, a banda emprega instrumentos clásicos da música tradicional irlandesa, polo que tamén son unha clara referencia no denominado celtic punk. Ao longo da súa dilatada carreira publicaron 13 traballos discográficos, con albumes de estudio, directos e recompilacións.