Tír na nÓg, a asociación centrada na recreación histórica e a arqueoloxía experimental
Tír na nÓg nace na súa fundación como unha asociación de estudantes e o seu nome fai referencia a unha terra mítica da mitoloxía irlandesa que significa a terra da xuventude. Nacen oficialmente no 2008 tras uns anos “participando do Arde Lucus de maneira máis desorganizada, indo aos desfiles, un ano montamos un campamento con materiais do Concello e así pero nun momento decidimos constituírnos como asociación e realizar algo un pouco máis serio”, conta Lorena, membro da asociación.
Agora mesmo son 24 as persoas que participan desta asociación, pero o número de socios foi flutuando, “un ano tivemos un incendio, que comezou noutra asociación pero a nós queimóusenos todo, despois foron anos moi complicados, onde algunha xente se deu por vencida e perdemos bastantes socios. Agora mesmo estamos recuperando e temos tamén socios internacionais, un socio portugués, dous socios ingleses e tamén algún de fóra de Galicia, de Navarra e Mérida”.
Nos comezos vivían un o Arde Lucus como unha festa pero agora mesmo “somos unha asociación que nos dedicamos moito á recreación histórica e tomámolo bastante en serio, estamos empezando a facer arqueoloxía experimental e na actualidade tiramos máis ao histórico que á festa”.
O campamento de Tir na nÓg estará no parque de Rosalía de Castro, “na entrada a man dereita” e contarán con actividades durante todos os días. “Temos o que denominamos castro vivo, durante todo o día diferentes persoas estarán facendo oficios. É algo que nos gusta moito facer, olería, xoias, comida pero despois tamén temos actividades programadas a todas horas”.
Este ano destaca a actividade O proceso téxtil nos poboados galaicos, que se celebrará o venres e o sábado e no que os membros da asociación ensinarán todo o proceso téxtil de la e liño, dende a obtención da fibra, o preparado, o fiado, o tecido en varias técnicas históricas e a continuación outro obradoiro complementario de tinguido de tecidos con pigmentos naturais.
Ademais desta actividade dende a asociación tamén teñen programado un obradoiro de cociña castrexa “onde imos ter varias persoas traballando en fabricación e procesado de alimentos, secado, asado e explicando un pouco o que nos di a arqueoloxía do que podían ter comido e como o preparaban” e outro de forxa e fundición de bronce que “é unha novidade deste ano para nós e fixemos unha replica dun forno de fundición de bronce e imos tentar fundir bronce sen tecnoloxía moderna”.
Esta asociación conta no grupo con varios integrantes que se dedican á investigación, malia que ningún no ámbito da arqueoloxía, si teñen un especialista en botánica, un veterinario que “é unha marabilla en termos de coñecemento das razas que había de ovellas e outros animais e eu céntrome moito en téxtiles. Outro dos membros ten realizados os cursos en arqueoloxía experimental e é enxeñeiro, el é o que controla toda a parte de construcións e outra rapaza ten formación en olería”.
“En xeral o que facemos e ler moitos libros e sobre todo artigos científicos publicados, moitas teses de arqueoloxía e imos recollendo toda a información do que vai saíndo publicado”; ademais, os integrantes que viven fóra de Galicia aprenden as cousas máis prácticas, “é máis sinxelo ter acceso, por exemplo en Inglaterra imos moito por museos que fan reproducións de casas da idade do ferro e participamos en actividades máis prácticas como ir a museos e asociacións a aprender outras técnicas a través de talleres. Así ímonos formando, cunha mistura de autodidacta e de ter a sorte de que a xente dentro da asociación que ten un trasfondo moi diferente pero que ten unha aplicación ao que facemos como asociación”.
A asociación Tír na nÓg tamén realiza outras actividades non vinculadas co Arde Lucus como por exemplo no parque arqueolóxico da arte rupestre de Campo Lameiro onde acoden como invitados ao festival que realizan sobre a idade de bronce pero tamén traballan realizando actividades con outros museos e organizacións. Ademais fan talleres aínda que de momento principalmente entre os socios desde aprender novas técnicas téxtiles ata realizar cerámica ou contas de vidro.
Durante todos este anos gardan de recordo con especial agarimo “a nosa celebración dos dez anos, foi moi bonita e seguimos moitos dos socios orixinais” e dentro do Arde Lucus o que máis desfrutan é “estar no campamento realizando diferentes actividades e ensinando ao público, esa interacción coa xente e sobre todo os rapaces que son moito máis curiosos e abertos. Eses momentos son para nós unha cousa preciosa. Despois sempre tes a adrenalina do desfile, de saír e ter a toda a xente mirando para ti e estar interactuando con outras asociacións e co público”.