Tir na n'Og: "Representamos o Castro Vivo, unha recreación histórica continua con tarefas e oficios cotiás"
Comezaron sendo un pequeno grupo de estudantes interesados en mitoloxía irlandesa. O grupo medrou e, con el, o interese na historia do pobo que representan: os Namarini. Entre as súas actividades destaca a representación da vida cotiá así como a reprodución de obxectos e ferramentas atopados en diferentes asentamentos como a novidade deste ano: un machado votivo, semellante ao atopado no Castro de Viladonga. Tir na n'Og estarán, dende hoxe na Castra das asociacións, en horario de 17.00 a 20.00 horas, este venres; o sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.30 horas e de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas o domingo.
Que é Tir na n’Og?
Tir na n'Òg é o nome dunha terra mítica na mitoloxía irlandesa. É parte do Máis Alá e poderíamos traducilo como a Terra da Xuventude. Alí moran os Tuatha Dé Danna, deuses pre-cristianos; e, entre outras cousas, participando no seu banquete pódese gañar a inmortalidade.
Eliximos este nome por ser, na nosa orixe, unha asociación xuvenil de estudantes, cun grande interese na mitoloxía irlandesa. Aínda que xa non somos tan novos, o noso espírito aínda é 100% Tir na n'Òg!
Como nace a asociación?
Un grupo de amigos levabamos uns anos participando no Arde Lvcvs de varias formas, tanto na Expugnatio como nos desfiles, vestíndonos de deuses, druidas, romanos…o que xurdise! No 2008 decidimos que queriamos participar un pouco máis activamente e constituímonos como asociación. Dende entón traballamos arreo para ir mellorando e aportando o que podemos tanto ó Arde Lvcvs como a outras festas e eventos de recreación histórica.
Que programa presentades este ano?
Gran parte do noso programa é o que chamamos Castro Vivo, unha recreación histórica continua na que facemos tarefas e oficios da vida cotiá nun castro. Cociña, tecido, metalurxia… temos un asentamento moi completo e sempre hai algo para ver!
O programa tamén inclúe actividades específicas coma demostración de loita ou o tinguido con tintes naturais, tremendamente populares.
Traedes algunha novidade con respecto a pasadas edicións?
Por suposto! Temos un par de novidades no campamento, coma unha reprodución dun machado votivo, un torno lento para cerámica e un ripo. Pero o que quizáis nos fai máis ilusión de todo é unha actividade totalmente nova na que representaremos o contacto dos Namarini cuns comerciantes Fenicios. Queremos representar así un exemplo do amplio contacto que os pobos galaicos tiñan con outros pobos, na contra do que a veces nos queiran facer crer os romanos.
Como credes que será esta edición da volta á normalidade trala pandemia?
Cremos que vai ser unha edición moi completa, probablemente con máis visitantes que outros anos porque hai moitas ganas de volver ás festas. Polo noso lado, imos cargados de enerxía e querendo presentar todo o traballo que temos feito durante estes dous últimos anos, pero por suposto sempre con sentidiño.