Todo a punto para os primeiros hortos ecolóxicos do Campus de Lugo

LugoXa
A EPS ultima a posta en marcha dos primeiros hortos ecolóxicos do campus universitario, nuns terreos próximos á biblioteca Intercentros
horto ecolóxico campus lugo
24 Feb 2021

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) ultima a posta en marcha dos primeiros hortos ecolóxicos do Campus de Lugo, nuns terreos próximos á biblioteca Intercentros situados entre os actuais invernadoiros e o edificio Cactus. A iniciativa pretende dar resposta ao crecente interese e á alta demanda de estudantes, docentes e mesmo entre o persoal de administración e servizos do centro, que urxían a disposición de terreos para cultivar en ecolóxico, segundo indica o director da EPSE.

O profesor Tomás Cuesta García explicou, neste senso, que as particularidades que implica a produción de cultivos ecolóxicos propiciou que se habilitara para tal fin unha superficie actualmente en desuso que se atopa no corazón do Campus de Lugo.

A elección da parcela "non é casual", precisou Cuesta, ao tempo que engadiu que “a ubicación destes terreos favorece a aplicación das prácticas e controis requiridos polos cultivos certificados como ecolóxicos, ao tempo que favorece o peche do recinto e mesmo, dada a proximidade cos invernadoiros, resulta tamén máis acaído para transplantar as plantas cultivadas nos invernadoiros”.

Estas singularidades propiciaron que a EPSE optara por separar as zonas de cultivo tradicional, localizadas fundamentalmente na finca de prácticas de que dispón o centro universitario no barrio lugués de San Fiz, das novas parcelas orientadas á produción en ecolóxico.

A DISPOSICIÓN DA CIDADANÍA

Os novos hortos ecolóxicos da EPS de Enxeñaría estenderanse sobre unha superficie non demasiado extensa, pero con dimensións suficientes para organizar uns 20 bancais nos que, de xeito individual ou colectivo, permanecerán a disposición dos estudantes, docentes e PAS do centro que soliciten o seu aproveitamento. "A prioridade é atender as necesidades advertidas entre as persoas que forman parte do noso centro", dixo Cuesta, para logo engadir que “se quedan hortos sen cultivar, estas parcelas permanecerán a disposición da comunidade universitaria luguesa e incluso á cidadanía interesada”.

Respecto da forma de traballar estas hortas, Cuesta indicou que a disposición dos terreos cultivables en bancais facilitará os labores de preparación da terra e mesmo a rega. De feito, comentou, as superficies cultivables quedarán a unha altura de entre 20 e 30 centímetros, e, "como a terra vai quedar moi aireada e esponxosa, todo apunta a que se van acadar mellores rendementos de produción, dado que as plantas poderán estar distribuídas con menos espazos entre si”, dixo.

O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo recoñeceu que a pandemia e todas as súas consecuencias retrasaron demasiado a posta en marcha desta nova iniciativa, aínda que confía en que poder colleitar os primeiros cultivos ecolóxicos no Campus de Lugo antes de finais do presente curso académico, "agás que as condicións meteorolóxicas das próximas semanas resulten moi adversas e as choivas excesivas non permitan drenar a terra", dixo.

0.42679810523987