Todo listo para a II Axeigada de Rábade, que se celebra este sábado

A agrupación folclórica Axeigo celebra, en colaboración co Concello de Rábade, a segunda edición da Axeigada, a II Foliada de Primavera, este sábado 22 de marzo.
Durante a iniciativa, o Centro Sociocultural de Rábade acollerá música e a tradición galega, así como obradoiros, cantos de taberna e foliada aberta, onde músicos e asistentes poderán gozar dunha xornada de festa e cultura popular.
Así, todo comezará ás 12.00 horas co primeiro obradoiro de iniciación ao baile no centro sociocultural. Logo, ás 13.00 horas, terá lugar a sesión vermú con acompañamento de dous grupos de música: a Charanga Benofán e Airiños da Fonda.
Xa pola tarde, haberá dous obradoiros, un de manipulación de palletas, ás 16.30 horas, e outro de canto e percursión, tamén ás 16.30 horas.
Pola súa parte, os cantos de taberna serán de 19.00 a 22.00 horas, nos que se contará coa participación da A.C. Xermolos, Airiños da Fonda, A.C. Castiñeiro Milenario e Xuvencas.
Xa a partir das 22.30 horas será a quenda dos concertos no centro sociocultural comezando por Axeigo, un grupo de rapaces da contorna de Lugo, composto por dúas gaitas, tambor, pandeireta e bombo. De 23.00 a 23.45 horas actuarán As Tarabeliñas, un grupo de pandereteiras creado no 2009 que forma parte da reputada Asociación Cultural Donaire. Finalmente, a xornada rematará co concerto de Bailai Malditos, un grupo que retorna á fórmula mínima destilada por selección musical: gaita, tambor e bombo. Mediante o seu repertorio tradicional ou de autoría propia, xeneran música de desgaste para adeptos ao baile solto.
Os organizadores esperan "unha gran acollida desta segunda edición da Axeigada, xa que a primeira foi todo un éxito. Sorprendeunos a cantidade de xente que veu desfrutar a Rábade e esperemos que este ano veña máis".
Desde Axeigo animan a toda a veciñanza e visitantes participar nesta celebración que promete encher Rábade de música e baile tradicional.