Todo listo para instalar a zona de baño de Lugo

LugoXa
Lara Méndez supervisa o inicio da instalación da estrutura flotante de baño pública no Miño, que dá resposta a unha demanda histórica
Lara Mendez zona baño publico
8 Xuño 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou o inicio dos traballos de instalación da nova estrutura flotante, de 64 metros de lonxitude, que se destinará a zona de baño pública no río Miño.

En pleno cinto verde da capital, a estrutura “baseada nun sistema modular”, será apta tanto para o baño e desfrute de adultos como tamén dos nenos lucenses. Unha estrutura que estará operativa na cidade durante os meses de verán.

Neste senso, a alcaldesa explicou que “a previsión é que os traballos de acondicionamento da zona, que comezaron hoxe, se prolonguen durante unhas tres semanas, de modo que a nova dotación poida estar habilitada e lista para usarse de cara a finais de mes”.

“Co acondicionamento deste novo espazo, damos resposta a unha demanda histórica cidadá e tamén a un compromiso político que adquirín coa veciñanza, habilitando unha zona de baño pública respectuosa coa contorna”, explicou.

A rexedora lembrou que “o proxecto da plataforma de baño pública nos permitirá levar a cabo un maior aproveitamento dos nosos recursos, sempre en consonancia cos valores de respecto á natureza e conservación do medio ambiente. Queremos deixar de vivir de costas ao Miño, así o estamos a demostrar con todas as actuacións que recolle a estratexia Muramiñae”, sostivo Lara Méndez.

Cómpre subliñar que, ademais dos pantaláns, a zona verase complementada co equipamento necesario para crear un espazo de esparcemento que dé servizo aos usuarios e permita unha maior confortibilidade, en especial ás familias. Así, instalaranse aseos e vestiarios; 15 mesas de con bancos incorporados para facilitar a estancia da veciñanza, así como tumbonas.

Ademais, haberá un tótem de salvamento, conectado 24 horas con Protección Civil, así como diferente material de salvamento acuático (aros salvavidas, emisoras portátiles, etc.), que complementará ao servizo dos socorristas.

A dotación estará composta por varias seccións. Por unha banda, unha estrutura superior, que servirá como zona de estancia, repouso e para acceso ás piscinas. Estará construída mediante cubos flotantes debidamente ensamblados e aparafusados, o que lle conferirá unha gran flotabilidad e nulo risco para as persoas usuarias.

E, pola outra, contémplase a creación de catro piscinas de distintas características, con profundidades útiles de 1’20 m., 0’80 m., e dúas de 0’40 m., cumprindo así coas expectativas en canto a público infantil, xa que cada unha delas estará delimitada para un rango de idade determinado.

O conxunto flotante irá amarrado mediante cadeas metálicas a mortos náuticos, confeccionados en formigón, de maneira que impida movementos en función de ondadas ou imprevistos. Así mesmo, na súa cabeceira ou acceso a terra amarrarase mediante cadeas metálicas. Deste xeito a estrutura terá nula capacidade de movemento, sendo moi sinxelo adecuala a posibles subidas ou baixadas de caudal e por tanto de nivel.

Ao tratarse de elementos modulares isto facilitará a súa montaxe e desmontaxe, que se realizará basicamente de maneira manual, sen emprego de maquinaria pesada, co obxectivo de ocasionar a mínima afección á contorna fluvial e non alterar nin estragar en absoluto a marxe do río, sen danar a fauna e flora existentes mentres que se manteñen as debidas condicións de seguridade.

A actuación, cofinanciada pola Deputación Provincial, terá un custo de 304.920 euros

0.19988393783569