Todo preparado en Rábade para a celebración do festival Entrepontes


O colectivo Fillos do Chaira de Rábade presentou o cartel da terceira edición do Festival Entrepontes, que se desenvolverá na localidade en maio. A data escollida foi o día 24 de maio para unha cita coa música que será gratuíta para os asistentes e que tivo un gran éxito nas dúas edicións pasadas e que mantén a data de celebración.
A primeira confirmación do festival foi o grupo Biznaga, unha das bandas máis contundentes e influentes do punk-rock nacional, que chega a Rábade para arrasar coa súa enerxía e converter o escenario de Entrepontes en pura adrenalina. Tamén estaba confirmada xa participación de Catuxa Salom, caracterizada por unha fusión do folk, a electrónica e os ritmos tribais latinoamericanos.
Nesta ocasión subiranse ao escenario Hermana Furia, co seu rock salvaxe, que desborda enerxía e un son demoledor. Xunto a eles estarán tamén Jorobados del Miño, que chega a Rábade desde Portomarín cunha música que combina o rock co blues clásico.
A quinta confirmación do festival é Vimbio, a nova faciana da escena metal.
Segundo avanzou a organización, o festival contará cunha xornada chea de actividades, entre as que figuran as infantís. Así, destaca un taller para crear un mural colaborativo Tamén repetirase a festa Holy e haberá zona de acampada. O festival tamén contará cun bus entre Rábade e Lugo a partir de las 3.30 horas.
Ademais, o festival abrirase cunha sesión vermú a cargo de Ricardo Parada.
A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa Asociación Cultural Fillos do Chaira na organización do festival. O responsable provincial explicou “nun contexto cunha oferta de festivais moi ampla, para a Vicepresidencia da Deputación é prioritario apoiar as propostas do tecido asociativo, que permite que a cultura e a música cheguen a todo o territorio”.
Efrén Castro incidiu tamén na aposta da área de Cultura por “apoiar a participación de bandas e artistas de música en galego nos festivais, fomentando a presenza do idioma nestes espazos de ocio e socialización”.
