Todo preparado para a terceira edición da Festa dos Ovos Rotos con Chourizo de Ribeiras do Lea

LugoXa | TerraChaXa
A xornada comezará coa apertura da feira, que reunirá numerosos postos de produtos locais, e cun pasarrúas a cargo da agrupación cultural Andrade de Vilalba
festa-ovos-rotos-con-chourizo
7 Sep 2025

O vindeiro 13 de setembro de 2025, Ribeiras do Lea, no concello de Castro de Rei, converterase nun punto de encontro gastronómico, cultural e festivo coa celebración da III Festa dos Ovos Rotos con Chourizo, que se desenvolverá paralelamente á Feira de Artesanía.

A xornada comezará ás 11:30 horas coa apertura da feira, que reunirá numerosos postos de produtos locais, e cun pasarrúas de música tradicional a cargo da agrupación cultural Andrade de Vilalba. Tamén pola mañá terá lugar a exhibición e concentración de coches clásicos e a terceira mostra de talleres de artesanía, na que estarán presentes oficios como zoqueiros, torneiros, ferreiros ou cesteiros.

Un dos pratos fortes do día chegará ás 12:15 horas cunha master class de ovos rotos con chourizo impartida polos cociñeiros lucenses Alejandro Méndez Lázare e Alejandro Ares Aldariz, membros da asociación Agacal. A partir das 13:00 horas celebrarase un showcooking con degustación gratuíta de máis de 700 tapas elaboradas con este produto, seguido dunha sesión vermú co Trío Tapioca.

Xa ás 14:45 horas terá lugar un gran xantar popular baixo carpa no que se servirá empanada de ovos rotos con chourizo, panceta, pementos e larpeira, acompañado de viño, auga, refrescos e café con gotas. As entradas para participar nesta comida deben adquirirse de forma anticipada antes do 10 de setembro.

A programación da tarde inclúe xogos tradicionais con premios, a actuación da charanga Os Tamega de Verín e unha festa musical a cargo do Trío Tapioca e a mesma charanga, que prolongarán a animación ata a noite.

festa-ovos-rotos-con-chourizo-programa
⚙ Configurar cookies
0.19208312034607