Todo preparado para celebrar a XIII edición da Foliada de Orbazai

LugoXa
A parroquia luguesa acolle este sábado unha xornada festiva con feira de artesanía, actuacións musicais e degustación popular, impulsada polo tecido veciñal local
Foliada-de-Orbazai-2025-Lugo
4 Jun 2025

Orbazai celebra este sábado, 7 de xuño, a XIII edición da súa Foliada, unha celebración popular que reivindica a música tradicional e pon de manifesto o dinamismo social e cultura desta parroquia do rural lucense.

Airiños de Orbazai, a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes organizan esta xornada, que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a da área de Cultura do Concello de Lugo.

A inauguración da feira de artesanía, con demostracións e postos de vendas de produtos artesáns e agroalimentarios, abre un programa en que o protagonismo é para a música tradicional cos actuacións das pandereteiras e do grupo de cantos populares.

Iria Castro, da Deputación, e Rubén Arroxo, do Concello de Lugo, destacaron na presentación “o compromiso coa cultura e a música tradicional da veciñanza de Orbazai, que son un exemplo da importancia que os colectivos de base teñen no dinamismo social e cultural, especialmente nas parroquias rurais”.

O programa comezará ás 11.00 horas coa apertura da Feira de Artesanía e ás 13.00 horas terá lugar o Festival das Escolas Airiños de Orbazai. Xa ás 14.00 horas terá lugar a sesión vermú e ás 17.00 horas haberá actuacións musicais con Cantareiras D´Xanares (Lugo), A Volta do Agro (Lugo), a Asociación Cultural Saíñas de Xove, a Asociación Cultural Carballo da Manteiga de Lalín, Pandereteiras de Orbazai e o Grupo de Cantos Populares Airiños de Orbazai. Finalmente, ás 21.30 horas terá lugar a degustación de pinchos para rematar coa Foliada popular.

⚙ Configurar cookies
0.18247604370117